A iniciativa “Voluntariado Cultural” da Biblioteca Municipal de Verín foi un dos seis proxectos seleccionados finalistas ao premio “Biblioteca Pública e compromiso social” da Fundación Biblioteca Social. O vindeiro 12 de marzo é a data límite, na que ou xurado seleccionará a Biblioteca gañadora que terá coma premio unha dotación económica para destinar ao proxecto.
Deste xeito, a Biblioteca Municipal do Concello de Verín está a competir cos proxectos das Bibliotecas: Eugenio Trias (Madrid), Pilar Barnés (Lorca, Murcia), Agora (A Coruña), Villamayor (Castilla y León) e Bellvitge (L´Hospitalet de Llobregat, Catalunya), todas elas cidades de moita máis poboación.
O proxecto da Biblioteca Municipal de Verín «Voluntariado Cultural para o fomento á lectura», resultou moi atractivo para o xurado e superou onte a criba para colocarse entre os seis mellores proxectos, valorando moi positivamente o vínculo entre a Biblioteca Municipal de Verín, os servizos sociais e as organizacións coas que colabora estreitamente, coma MOREA e FEMURO.
Fundación biblioteca social
Esta fundación catalá, sen ánimo de lucro, ten por obxectivos incentivar e fomentar a realización de proxectos que axuden a corrixir desequilibrios sociais, dar visibilidade aos proxectos e iniciativas que realizan as bibliotecas públicas no eido social, fomentar o intercambio do coñecemento no sector.