A semana pasada Concello, Deputación e Xunta reuníanse para tratar sobre onde se ubicaría o futuro centro de atención terapéutico e ocupacional que dará servizo ás persoas con discapacidade de máis de 21 anos da provincia (CAPD).
Logo do estudo por parte dos técnicos das tres administracións implicadas neste proxecto – a autonómica, a provincial e a local- das distintas alternativas propostas polo Concello, optouse finalmente por unha finca emprazada no barrio de Barrocás.
Finalmente ubicarase nunha parcela de titularidade municipal de uso dotacional e que conta cunha superficie de aproximadamente 4.600 metros cadrados, duplicando deste xeito os metros inicialmente previstos.
Así o comunicou o titular da área social do Goberno galego a unha representación de pais e nais de alumnos do colexio de Velle cos que se reuniu en Santiago.
Deste xeito desestímase o proxecto inicial de adaptar a antiga Escola Fogar de Mariñamansa, como o demandaba a plataforma ProCAPD.
Agora deberá ser aprobado polo pleno do Concello de Ourense e despois a Xunta iniciará de inmediato a tramitación da redacción do proxecto.