Primeira reunión para traballar na calidade ambiental, a pacificación do tráfico, a mobilidade, accesibilidade e a integración da bici en Ourense.

Na procupa dunha Ourense máis sudable

A Concellería de Infraestruturas acolleu onte a primeira reunión para iniciar un proceso de participación cidadá para a mellora da accesibilidade, a calidade ambiental e a mobilidade na nosa cidade. Durante o proceso quérese tamén pacificar o tráfico e integrar a bicicleta no casco urbano de Ourense.

A reunión celebrouse a tenor das conclusións da Mesa da Mobilidade do Concello de Ourense, e estivo integrada por todos os grupos políticos con representación no Concello de Ourense (o concelleiro José Araújo, por parte do Partido Popular, Manuel Álvarez, de Democracia Ourensana, Javier Rey do Partido Socialista, e Martiño Vázquez, de Ourense en Común), ademais de por técnicos das áreas de Medio Ambiente e Infraestruturas e as representantes da Consultoría de Arquitectura e Urbanismo Urba+, autoras do plan inicial.

Nesta primeira xuntanza do grupo de traballo propuxéronse aspectos coma a forma de implicar a diversos e diferentes colectivos cidadáns, o calendario de actuacións, as fases de traballo ou a importancia de seguir contando coa Mesa da Mobilidade en todo o proceso.

 

Ourense en Común
Ourense en Común considera “unha moi boa nova a implantación do proceso de participación cidadá para a mellora da calidade ambiental e da mobilidade posto hoxe en coñecemento dos medios por parte do Concello”.

    Tras a xuntanza mantida esta mañá, o voceiro do grupo manifesta abertamente a súa vontade para participar deste proceso e “traballar na mellora da calidade de vida de Ourense, independentemente de quen goberne.

    Martiño X. Vázquez mantén que “xa o fixemos no pasado, e seguimos e seguiremos traballando en positivo e arreo para conseguir un modelo de cidade feita para as persoas. Xunto co planeamento urbanístico, a mobilidade é un vector fundamental para o noso grupo, de cara a mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños de Ourense”.

    “Tivémolo claro xa cando propuxemos crear a Mesa de Mobilidade e témolo claro agora: a mobilidade debera estar sempre enriba da mesa xunto co planeamento urbanístico, para garantir o modelo de cidade que todas queremos, un modelo de cidade feita para as persoas e non para os vehículos”. O voceiro do grupo poñía como exemplo a reducción do tráfico, “que supón unha mellora da calidade ambiental, ademáis de permitir recuperar o espazo público para as persoas, dinamizando os barrios e fomentando o consumo no comercio de proximidade”.