O Concello de Ourense quere reforzar o ensino das Matemáticas nos centros escolares da cidade a través do programa Pensamento Lóxico – Matemático, unha ferramenta dirixida a profesores e alumnos “co obxectivo de que adquiran coñecementos básicos e previos para ir creando capacidades”, comentaba o alcalde, Jesús Vázquez, durante a presentación, “que entendan os conceptos e poidan, a partir de aí, establecer relacións baseadas na lóxica, de forma esquemática e técnica”. Actualmente hai 23 centros da cidade interesados no programa, que se desenvolveu en fase experimental ao longo deste curso, e que está dirixido para alumnado a partir de 1º de ESO.
“Para mellorar os resultados nas técnicas instrumentais básicas”, explicaba o técnico da Concellería Elías Domínguez, “empregaranse catro técnicas: a da lenda da fin do mundo, unha xincana matemática e un diccionario galego de matemáticas, baseadas no xogo, ademais de entrevistas cos profesores da cidade para que nos saiban dicir as necesidades específicas”.
O informe PISA sobre a Educación sitúa Galicia no alto da táboa, e rexistra melloras en áreas como Matemáticas (494, cinco puntos máis en tres anos e agora en oitava posición). É dicir, ao mesmo nivel que a media de Occidente pero por riba de países coma Estados Unidos ou Luxemburgo e á altura de Francia, Portugal, Italia, Suecia ou o Reino Unido. Porén, o programa de Pensamento Lóxico – Matemático quere estimular o alumnado para que interiorice a importancia das técnicas de cálculo, combinacións e logaritmos en base a xogos sinxelos.
Non é o primeiro programa da Concellería de Educación dirixido ao profesorado (tamén están os cursos do programa SHE ou as actividades fóra do horario lectivo). “O que pretendemos é potenciar a atención, a reflexión e a cooperación entre iguais a través dunha linguaxe neutral, que é a do xogo”, explicaba a concelleira Belén Iglesias.