O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o presidente da Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal), José Antonio Vázquez, asinaron onte no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, un convenio de colaboración entre ambas entidades para a posta en marcha de diversas medidas relacionadas coa promoción do emprego protexido a través dos centros especiais de emprego de iniciativa social.
O presidente da Deputación de Ourense destacou a importancia desta alianza estratéxica no eido da economía social que “está marcada por conceptos que ambas entidades temos interiorizados: o desenvolvemento sustentable e a empregabilidade das persoas discapacitadas e todos aqueles colectivos con dificultade de inserción, a través de actuacións conxuntas no eido do emprego, a formación, a capacitación e coa reserva da contratación pública para determinados aspectos que representa Cegasal”.
Por outra parte, Manuel Baltar felicitou a Cegasal pola “labor que leva a realizar desde hai 20 anos a prol de Galicia”. Cegasal conta na actualidade con 17 centros especiais de emprego repartidos por toda a xeografía galega, tres de eles en Ourense, nos que emprega a máis de 1.250 traballadores.
Co obxetivo de optimizar e valorar os resultados do acordo, decidiuse constituír unha comisión de seguimento, composta por dous representantes da Deputación e dous representantes de Cegasal, “para falar de mellorar a situación de emprego das persoas con discapacidade e de outras cuestións relativas aos obxetivos deste convenio”, dixo Baltar. Nese senso, o presidente de Cegasal destacou que a Deputación de Ourense é “a única de toda Galicia coa que asinamos un convenio que contempla o seguimento do seu cumprimento cada seis meses”.
José Antonio Vázquez asegurou que Cegasal vai a apostar por Ourense “como primeira provincia de Galicia na formación nas zonas rurais, implantando un paquete formativo ás persoas con discapacidade en toda a provincia de Ourense e, en concreto, nas súas zonas rurais”. Así mesmo, o presidente de Cegasal explicou que “todas as organizacións que traballamos a prol do emprego para as persoas con discapacidade temos unha materia pendente coas mulleres con discapacidade e, Ourense, será o trampolín para toda Galicia, para mostrar que esta provincia conta coas mulleres con discapacidade”.