O Carballiño prepárase para recibir este próximo domingo, 5 de marzo, a milleiros de visitantes que acudirán á vila para degustar a cacheira e disfrutar dun día de divertimento co acompañamento musical de charangas, folións e comparsas.
Calcúlase que nos restaurantes e mesóns de vila se servirán máis de tres mil racións de cacheira, que se poderá degustar en calquera dos vintecinco establecementos hostaleiros que participan neste evento. Nalgúns destes locais xa se colgou o cartel de “completo”, polo que se recomenda efectuar a correspondente reserva se non se quere correr o risco de non atopar lugar para xantar. Os menús oscilan entre os 12 euros e os 25 euros, polo que hai unha ampla posibilidade de selección.
Esta edición da Festa da Cachucha contará cunha das máis amplas representacións de agrupacións do entroido da súa historia. Así, haberá catro charangas animando as rúas da vila pola mañá e os locais hostaleiros durante o xantar.
Ás 12 do mediodía comezará o desfile de folións e comparsas, coa participación da Comparsa Ciklón, Comparsa Os da Caña, Folión de Fradelo, Folión Arrieiros de Petín, Folión de Tameirón e Viticultores de Vilamarín, ademáis da murga carballiñesa Os Liborianos. O itinerario comeza na Praza da Veracruz e recorrerá as rúas Curros Enríquez, Rúa do Paseo, Praza de Os Liberianos e nos arredores da Praza Maior.
E pola tarde, a partir das 18,00 h., Gran Desfile da Festa da Cachucha, con folións e comparsas, e no que ademáis destas agrupacións citadas e a Comparsa de Parada de Amoeiro, intervirán as cinco comparsas que resultaron vencedoras no desfile de comparsas do martes de entroido, e que son: Os Azucarados de Maside; Os Arrieiros de Dacón; a Asociación Cultural Castro de San Amaro; a Asociación de Veciños de Crecente, e a anpa de A Uceira. En total, catorce agrupacións con máis de cincocentas persoas desfilando polas rúas principais da vila do Carballiño para poñerlle cor e son á Festa da Cachucha.
O itinerario deste desfile é o seguinte: Otero Pedrayo, Conde Vallellano, Avda. Xullo R. Soto, Calvo Sotelo e Rúa do Paseo.
Ao termo deste desfile haberá animación cunha DISCOMÓBIL e un DJ na Praza Maior.