O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, asinou cos alcaldes de diferentes concellos da provincia de Ourense a cesión de varias parcelas propiedade do Banco de Terras de Galicia para o seu aproveitamento como infraestruturas de interese social.
Así, facilitouse un predio a cada un dos concellos de Sandiás, Sarreaus, A Porqueira e Baltar e dúas parcelas ao de Trasmiras. Todas elas serán destinadas a instalacións de interese común en masas de concentración parcelaria, coa finalidade de mellorar a calidade de vida dos habitantes do rural, cedendo predios para iniciativas de carácter social e infraestruturas básicas. Neste caso, serán para a localización de estacións depuradoras de augas residuais, local social, área recreativa e piscina municipal.
O obxectivo destas cesións é facer que reverta en beneficio directo dos veciños das parroquias afectadas por procesos de concentración parcelaria a achega de parcelas que deron lugar á existencia de masas comúns. Por outra banda, tamén se pretende regularizar o patrimonio da Xunta de Galicia ao ceder as leiras que non teñen interese agrario para o Banco de Terras.