A concellería de Benestar Social, Igualdade e Saúde a través do Servizo de Información da Muller (CIM), ten programado unha serie de actos para conmemorar o Día Internacional da Muller, que se celebra o próximo 8 de marzo. Estas actividades terán lugar entre o 7 e o 26 de marzo, día no que se celebrará a VI Andaina Solidaria.
A concelleira de Igualdade, Marina Ortega, presentou en rolda de prensa este programa, que comeza o día 7 de marzo cunha novidoso taller lúdico-didáctico que, co eslogan de “Na procura da muller salvaxe”, vai dirixido ás mulleres que desexen afondar en sí mesmas para confrontarse coas capas que lles impón a sociedade patriarcal na que están inmersas e que as afastan daquilo que realmente son. Para participar nesta actividade, que terá lugar na Casa da Cultura, e que conta coa colaboración da concellería de Cultura, é preciso inscribirse no CIM, e o prazo remata o luns, 6 de marzo.
O mércores, 8 de marzo, desenvolverase o acto institucional co gallo do Día Internacional da Muller. Será ás 12 no salón de plenos do concello, coa participación do alumnado dos centros educativos, de Bo Día Familia, da escola infantil Trastes, Cruz Vermella, Aspadisi, Asdifica e asociacións de mulleres. Tamén se entregarán os premios do VI Concurso Fotográfico “Unha mirada de xénero: A muller e o liderato”, que nesta edición acadou unha gran participación. Así, hai unhas trinta e cinco fotografías a concurso, algunhas delas remitidas dende outras comunidades como Madrid, Canarias ou Castela-León, e incluso dende Arxentina. Finalmente, haberá unha actuación do dúo Canela Cafuné.
O sábado, 11 de marzo, terá lugar a representación teatral “30 e tantos ósos”, de Aporía Escénica, coa interpretación das actrices Diana Mera, Teté García, Merche Pérez e María Roja. Trátase dunha viaxe de catro mulleres de trinta e tantos anos que, cansas de vivir agochadas baixo carcasas prefabricadas, deciden trascender a pel e a carne a través da figura mítica da loba, para chegar aos seus ósos, onde se atopa o seu potencial máis vital e salvaxe. Esta representación terá lugar, en colaboración coa concellería de Cultura, no auditorio municipal, ás 20,30 h.
Finalmente, o domingo 26 de marzo terá lugar a VI Andaina Solidaria “O Carballiño camiña pola igualdade”, que partirá da Praza Maior ás 9 da mañá e fará un percorrido que se dará a coñecer nos próximos días. A inscrición é gratuita e pode realizarse ata o 23 de marzo no CIM (cim@carballino.gal ) ou no telef. 988 531076. Nesta edición o donativo será a beneficio de Cáritas e San Vicente Paul do Carballiño.