A Mostra da Oportunidade volveu converterse na opción elixida por milleiros de persoas para realizar as mellores compas do ano aproveitando os descontos que ofrecían os centos de expositores dunha vintena de sectores e nas que destacaba a calidade dos produtos ofrecidos polo comercio local ourensán.
A Mostra recibiu en tres días máis de 13.000 visitas procedentes de toda Galicia e norte de Portugal, fundamentalmente. O certame decano das feiras multisectoriais e de descontos en Galicia, pechou tras tres días de intensa actividade nos que se converteu nun dinamizador das vendas dos establecementos da provincia grazas á presenza, de forma asociada, de distintos centros comerciais como o de Ourense Centro, o Couto, Allariz, AGAECA de A Valenzá e Ourense Norte. Os comerciantes destes centros mostraron a súa satisfacción cos resultados de vendas obtidos nesta edición.
Dende Ourense Norte indicaron que “moita xente non coñecía as nosas tendas e preguntáronnos onde estamos coa intención de vir visitarnos tamén despois da feira”. O mesmo ocorre coa Asociación da Valenzá, xa que unha das expositoras, Alejandra Rodríguez de Carussa, indicou que “A Mostra danos visibilidade ás tendas que estamos fóra da área comercial forte do centro da cidade de Ourense. Nós é o segundo ano que vimos e pensamos repetir porque nos foi moi ben e contamos aumentar as vendas a corto e medio prazo de xente que visitou o noso stand”. Tamén indica que “pasan por aquí miles de persoas e os expositores temos que movernos e intentar chamar a súa atención porque somos moitas as empresas que estamos expoñendo. Nós regalamos canastiñas con produtos de bebé a todas as embarazadas que se achegaron o stand”.
Ademais de captar novos clientes, a Mostra serve tamén para fidelizar aos que xa se teñen. Iste é o caso, por exemplo, da tenda “Trendtantra” que informou a todos os seus clientes na tenda e tamén a través das redes sociais de que ía estar na Mostra con prezos especiais e por iso “recibín moitas visitas de xente que xa me coñecía e sabe que produtos traballo pero tamén mercou xente que non nos coñecía”, indica Lucía, a súa xerente.