175.000 euros será o investimento, aproximado, da Xunta de Galicia nas obras de acondicionamento e mellora da praza da Alameda de Covadonga. O remate das mesmas está prevista para o mes de maio.
Así o asegurou na conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, na súa visita para a supervisión das actuacións.
Mato, acompañada polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Mouteira, indicou que esta zona do concello presenta os típicos problemas que xera o seu uso combinado co paso do tempo, como un firme deteriorado, pola presenza das raíces das árbores, unha zona infantil pouco modernizada, unha iluminación dunha eficiencia enerxética mellorable ou o feito de que as canalizacións de rede eléctrica e telefonía son visibles, polo que se afea este parque.
Co fin de potenciar o uso das zonas públicas desta área, leváronse a cabo traballos para a remodelación da zona de xogos infantís, a creación dunha zona de elementos biosaludables, novo mobiliario, ou o asfaltado de máis de 2.500 m2.
A conselleira apuntou que non só se trata de mellorar o aspecto do contorno, «senón tamén facelo máis agradable» para a vida social e pública. Ademais, contribúese á rexeneración dun dos máis senlleiros espazos públicos do Concello de Ourense, e á calidade do tempo de lecer dos veciños máis novos e tamén dos de maior idade, coa posta en valor de case 3.400 metros cadrados de superficie totalmente renovados, ao reformarse un 72% de superficie da praza.