A Xunta de Galicia e o Grupo Cuevas asinaron un acordo de adhesión da empresa ourensán no programa Tarxeta Benvida. Este acordo supón que Grupo Cuevas aplicará un 3% de desconto en todas as compras realizadas nos puntos de venda Aquié, Aquí e Plenus. Dito desconto será redimible polo cliente a través dun cupón que se lle emitirá trimestralmente vinculado á tarxeta de fidelización de cliente e na que se acumulará dito desconto do total das compras que fixera nese tramo temporal.
Así mesmo, o Grupo Cuevas ofrecerá aos titulares da Tarxeta Benvida durante o primeiro ano de vida do neno ou nena e de xeito completamente gratuíto ata 150 botellas de auga mineral en formato de litro e medio, a razón de dous lotes de seis botellas ao mes; nun pack de benvida personalizado co nome do bebé.
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, agradeceu á firma a súa implicación. “De seguro, este novo desconto e este suministro de auga mineral será do máis proveitoso para as familias con nenos e nenas recén chegados ao fogar”, afirmou o conselleiro. E proseguiu, “o Grupo Cuevas soubo adaptarse ás novas liñas de negocio e coa súa traxectoria e a súa adhesión á Tarxeta Benvida amosa con feitos a forte responsabilidade social que ten coa súa terra”.
Grupo Cuevas súmase a outras firmas que xa asinaron o acordo de adhesión como Supermercados Eroski Center, Hipermercados Eroski e Supermercados Familia que xa están a aplicar un desconto directo do 3% nas compras das persoas titulares da Tarxeta Benvida e a Mi Mueble BB, que fai un 5% de desconto directo nos seus produtos.