O Auditorio vén de presentar o menú para os meses de marzo e abril, no que destacan como ingredientes principais o teatro e a música, sazonados con grandes doses de humor. “Esta programación dá boa conta da saúde da Cultura e desta Concellería en Ourense”, afirmaba Belén Iglesias na presentación, “e converte o Auditorio no polo cultural de referencia na nosa contorna, pois a xente tamén vén atraida pola nosa oferta cultural”. Os primeiros espectáculos, que xa tiveron lugar foron: Romeo y Julieta de bolsillo, e Doctor QUEEN, ademais de Móbil, novo circo a cargo de La Güasa.
“Que haxa moi poucos días de descanso na programación fala da oferta diversa e para todos os públicos”, comentaba Manuel Freire, programador do Auditorio, ao presentar a oferta do espazo cultural: “En teatro temos Solitudes, unha obra muda pero que esperta grandes emocións, a representación de Foucellas, de Talía Teatro, o humor de Amigos ata a morte, con Touriñán, David Amor e Ledicia Sola, o clown de Ticket ou a programación da MITEU”, relataba. Tamén haberá musicais, coma o de The Hole, cabaret explosivo, ou concertos coma os de Magín Blanco ou Mamá Cabra.
A programación xeral complétase coa infantil, na que a maiores da cita dos domingos ás 12:00 horas están as representacións para bebés, tratando de estimular a imaxinación dos máis cativos (monicreques, música, contacontos…). Unha programación, en definitiva, variada, para público de todas as idades e que coloca o Auditorio coma un dos espazos máis activos na vida cultural da nosa cidade.
Toda a información sobre os eventos do mes, en www.ourensecultura.com