A Sede da Eurocidade Chaves-Verín acolleu a presentación do workshop “As idades da auga: as augas construtoras de paisaxes”. Un seminario internacional organizado pola Escola galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega coa colaboración da Deputación de Ourense e a Eurocidade Chaves-Verín, que se celebrará entre os días 3 e 7 de abril, centrado na Eurocidade Chaves-Verín.
Na presentación participaron o presidente da fundación, Enrique Sáez; a deputada provincial delegada de termalismo de Ourense, Ana Villarino; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; o presidente da Cámara de Chaves, Antonio Cândido Monteiro, e o encargado de coordinar o seminario, Mario Crecente.
O obxectivo do workshop é o de divulgar o territorio e os recursos do lugar; incorporar o termalismo e a paisaxe como obxectos de investigación e formular propostas que sirvan como base para a xestión e ordenación territorial de Verín – Chaves e para o desenvolvemento de futuros proxectos europeos. O escenario elixido é a Eurocidade Chaves-Verín, polo seu papel na promoción da cooperación territorial desde os seus diversos ámbitos, entre os que destacan o turismo e o termalismo.
Así o destacaba na inauguración o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, que destacou a aposta pola entidade por atraer a importantes paisaxistas de nivel internacional a Galicia para abordar cuestións que afectan directamente ao desenvolvemento da nosa comunidade. No caso deste seminario, lembrou que os camiños termais son moi poderosos para potenciar unha zona e abrir fronteiras nun momento no que algúns só pensan en reforzalas. “Os ríos e os camiños flúen, como as persoas. Todo o contrario aos muros”, rematou.
Como explicou o arquitecto Mario Crecente, o nome elixido para este seminario parte da idea do pasado milenario e centenario das augas que foron construíndo a paisaxe de Chaves-Verín en concreto, e de todos os territorios en xeral. Desde as augas termais ou as fontes do Camiño de Santiago, ambas milenarias, ata os balnearios da zona, que teñen máis dun centenar de anos.
En canto ao programa do seminario, ademais das sesións cos expertos, inclúe desde obradoiros ata visitas por rutas termais, ata actividades experiencias como baños termais, visita a un balneario pedagóxico ou visita a unha planta embotelladora de auga.
Os relatores son de contrastado prestixio inernacional, como Joao Nunes, docente en varias universidades con intervencións de primeira liña a nivel mundial; Paul T. Simons, arquitecto especialista en patrimonio histórico e turismo termal, ex director de promoción da cidade de Bath e secretario de Great Spas of Europe, ou Barbara Van Diere Wee, experta en paisaxes culturais e profesora da Universidade de Ku Leuven (Bélxica).
Tamén participan Luis de Ramón Sánchez, xeólogo e experto en augas termais e minerais, e Mercedes Márquez, membro do Grupo de Investigación da Escola Galega da Paisaxe e docente do Master Juana de Vega en Arquitectura da Paisaxe.
Respecto dos asistentes a este seminario internacional, Mario Crecente destacou que o obxectivo é que a participación sexa o máis polivalente posible, dado o seu enfoque multidisciplinar, abranguendo desde arquitectos ata paisaxistas, biólogos, arqueólogos ou historiadores.