Para promover o uso cotían da lingua galega dende a infancia.

O Carballiño, dentro do programa Apego

O concello do Carballiño ven de incorporarse ao programa APEGO, creado para promover o uso cotián da lingua galega dende a infancia. O concelleiro de Educación e Cultura, Diego Fernández, acudiu a un acto desenvolvido en Nigrán, en representación do concello do Carballiño.

Alcaldes, concelleiros e persoal técnico de 30 concellos asistiron na Casa do Concello de Nigrán á sinatura da addenda ao programa Apego, que incorpora sete novas entidades municipais.

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Cee, Lugo, O Carballiño, Ponteareas,  Sada, Vilagarcía de Arousa e Nigrán súmanse aos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Carnota, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Vigo e Vimianzo como referentes nos que a veciñanza pode informarse e sumarse. Tamén pode contactar co proxecto a través da súa presenza na internet: www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal

Despois do segundo ano de vida deste proxecto dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitala con apoio, información, recursos, programación de actividades etc., súmanse 7 aos 23 concellos que xa formaban parte do proxecto.

O acto estivo conducido por dúas representantes do persoal técnico dos servizos de normalización, que explicaron que é o Apego e a quen se dirixe. Foi presidido polo alcalde de Nigrán, Juan González, que quixo acoller e celebrar o inicio desta colaboración cun concerto de música infantil, “Letras e notas” protagonizado por Magín Blanco como mostra das actividades que se desenvolven no proxecto para darlles ás familias recursos para activar a lingua.

Tamén interviñeron no acto representantes políticos dos concellos de Cee, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, O Carballiño, Negreira, Ribadeo e Ponteareas. Estes fixeron fincapé no interese da colaboración intermunicipal para que a veciñanza de moitos concellos poida acceder en igualdade de condicións a programas e servizos. Tamén resaltaron a necesidade dun proxecto coma este que valore positivamente a lingua e a súa transmisión, tendo en conta a situación xeral pola que pasa o galego, incluso nos territorios onde a realidade é aparentemente máis favorable. E, de maneira especial,  animaron ás nais e pais para os convidaren a que se sumen ao Apego e participen nas accións e nas redes que reforzan a socialización en galego das súas fillas e fillos.