O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinaron no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o convenio anual de colaboración entre ambas entidades, un acordo que ten como obxectivo a promoción e o fomento de actividades en materia de cultura, investigación, educación e deporte, a desenvolver no Campus de Ourense. “Seguir fortalecendo a alianza estratéxica entre a Deputación e este ámbito de coñecemento como é o Campus de Ourense, é a finalidade deste convenio, que renovamos este ano incrementando a contía económica que achega a institución provincial ata os 220.000 euros”, expresou Manuel Baltar, “para que esa aposta polo coñecemento e a innovación redunde en beneficio da provincia de Ourense”.
“En 2017 potenciamos o compromiso da Deputación co Campus de Ourense, un exemplo de funcionamento e un espazo de captación de valor e de implicación co territorio”, sinalou Manuel Baltar, quen engadiu que este convenio, “implica o apoio a actividades de difusión cultural e no ámbito do ensino e tamén do deporte; programas de mobilidade dos estudantes e iniciativas de innovación”. Así mesmo, esta colaboración tamén se reflicte no mantemento de actividades como “a Cátedra “Carlos Casares”, de máxima actualidade este ano, coa celebración do Día das Letras Galegas dedicado a este escritor ourensán.
O reitor agradeceu ao presidente Baltar e á Deputación de Ourense “o compromiso que ano tras ano demostra a institución provincial co Campus de Ourense nos ámbitos da actividade cultural e deportiva e na investigación”. Asemade, Salustiano Mato lembrou que o Campus de Ourense é o máis consolidado, solvente e o que conta con máis elementos de sustentabilidade. “É un campus especializado”, dixo Mato, “o cal nos permite atraer talento a Ourense”. O reitor destacou que o Campus de Ourense acada “o 96 % de ocupación da oferta que temos de matrícula, e máis do 50% dos estudantes que chegan a este campus son de fóra da provincia”.
O convenio asinado destina o seu orzamento de 220.000 euros ao Programa de proxección universitaria e a actividades culturais como: obradoiros, cursos de verán, promoción da investigación e a cursos e seminarios como o de “Didáctica da ficción e creación literaria”, así como actividades que fomenten a igualdade e a inclusión. Tamén abrangue o Programa de Apoio á mobilidade estudantil para o alumnado do campus e o Programa de Apoio a grupos de investigación do Campus de Ourense (INOU 2017).