A terceira edición do Torneo Internacional de Semana Santa de Fútbol Sala contará con equipos de primeira división de ambos lados da “raia”.

Gran nivel nos participantes do torneo de fútbol sala de Verín

Durante os vindeiros días 12, 13 e 14 de abril, celebrarase en Verín a 3ª Edición do Torneo de Fútbol Sala organizado por VerinFut5al e o Concello de Verín, coa colaboración da  Adega Tapias de Mariñán e a Deputación de Ourense.

Á presentación acudiron Gerardo Seoane, alcalde do Concello de Verín, e Alfonso Delgado, organizador do evento.

Gerado Seoane quixo facer especial fincapé na firme aposta que o grupo de goberno está a realizar por ofrecer unha programación estable de eventos multisectoriais na vila. “O que buscamos é ofrecer a todos os verineses un fluxo constante de actividades e eventos, sempre mantendo – como podemos apreciar na categoría dos participantes de este torneo- un altísimo nivel nos mesmos”.

Na pasada edición participaron un total de 56 equipos, o que supuxo -entre equipos e corpo técnico-  un total 700 persoas, procedentes de Castilla la Mancha, Galicia e Portugal. “Ainda que as inscricións estarán abertas ata o 9 de abril, entre os confirmados xa se atopan equipos dun gran nivel como o PALMA FUTSAL da primeira división española e o campión da liga portuguesa xuvenil, CONTACTO FUTSAL.”, explicou Delgado.

Este Torneo, único nas súas características  na provincia de Ourense,  terá lugar en tres instalacións deportivas de Verín: Pavillón Municipal de Verín, Complexo deportivo a Granxa e en Colexio María Imaculada e contará coas seguintes categorías:
– Prebenxamín (nados/as nos anos 2009 e 20ºº10).
– Benxamín (nados/as nos anos 2007 e 2008).
– Alevín (nados/as nos anos 2005 e 2006).
– Infantil (nados/as nos anos 2003 e 2004).
– Cadete (nacidos nos anos 2001 e 2002).
– Cadete Feminino (nadas nos anos 2001 e 2002)
– Xuvenil (nacidos nos anos 1998,1999 e 2000)

A participación no torneo terá un custo de cinco euros por participante. Con esta inscrición, facilitaráselles un talonario de rifas aos participantes para que se poidan custear a viaxe (inscrición, aloxamento e transporte).