O Cineclube Padre Feijoo continúa coas súas propostas, e dous novos títulos chegarán esta semana á biblioteca pública de Ourense.
O luns 27 chega Fráxil equilibrio. Ópera prima de Guillermo García López, mellor documental na Seminci 2016 e Goya ao mellor documental 2016.
Un documental financiado en parte a través dunha campaña de mecenazgo e que se centra na mensaxe «sinxela, humanista e universal» de José Mujica ( Presidente de Uruguay 2010-2015), que serve de fío condutor para unha análise social onde caben os inmigrantes subsaharianos que malviven nos bosques do Monte Gurugú atentos a valla de Melilla, os desafiuzados dunha gran capital como Madrid que acaban vivindo na rúa, ou un executivo de Tokio que reflexiona sobre o suicidio diario de compatriotas.
Os pases serán ás 20:30 e ás 23 horas a 2 euros para os socios e 2,50 para os non asociados.
Os exames
Para o mércores queda Os exames de Cristian Mungiu (mellor director en Cannes 2016 -compartido con Oliver Assayas-). Un conto moral onde a clase acomodada rumana, segue a ser obxectivo desa dicotomía nacional, renunciar aos modos do pasado que só recordan os maiores ou a aceptación dunha modernidad que pasa polo abandono masivo do país en busca dunha vida mellor lonxe del.
O camiño da corrupción é transitado e asiduo por todos, ata polos que se consideran poseedores dun comportamento decente.
O horario será ás 18, 20:30 e 23 horas. O prezo de 4 euros (socios), 5 euros, non socios.
Festival Internacional de Cinema Rural Carlos Velo
Festival Internacional de Cinema Rural Carlos Velo, organizado polos colectivos Arraianos e Lareira Pop, fai parada na Biblioteca Pública da cidade das Burgas para achegar aos espectadores unha selección dos traballos premiados nas tres edicións do Festival. Será en dúas xornadas, o xoves día 30 e o venres, día 31 de marzo, nunha colaboración do Cineclube Carlos Velo e o Cinceclube Padre Feijóo.
Na primeira sesión, o xoves, día 30, dende ás 20,00 horas, os espectadores poderán ver as curtametraxes: “Minerita” de Raúl de la Fuente (España); “Aupa Delibes”, de Daniel Rivas Pacheco (España); “Whale Valley”, de Guðmundur Arnar Guðmundsson (Islandia e Dinamarca); “Por siempre jamón”, de Ruth Díaz (España) e “Som Pastor”, de Borja Zausen (España).
Nesta primeira xornada tamén está prevista a presentación da curtametraxe “Carlos Velo en México”, unha coproducción de Roberto López, discípulo de Velo, con Arraianos, Lareira Pop e o FICCVelo, no que se recollen testemuños da pegada de Carlos Velo en México.
Na segunda xornada, o venres, día 31, ás 19,00 horas terá lugar o II Encontro de Cinema Arraiano e, ás 20,00 horas, a proxección de “Cesteando”, de Plácido Romero e haberá unha charla coloquio con Toño do Val, protagonista deste traballo no que a súa historia persoal como cesteiro o leva cara os lindes da liberdade e autonomía persoal, o amor á terra e ás súas manifestacións culturais.