Os concertos de inauguración e peche do evento correrán a cargo de DePedro e Juan Magán respectivamente.

Juan Magán, DePedro, Bigott e Malandrómeda encabezan a proposta musical da ICC Week

A industria musical convértese nun alicerce fundamental nesta edición da Ourense ICC Week, que se celebrará entre os próximos 2 e 7 de maio.

A xornada inaugural do evento, prevista para o martes 2 de maio, contará coa actuación de Depedro, o proxecto musical de Jairo Zavala. Depedro presentará no Teatro Principal «El Pasajero», o seu último disco, un traballo sorprendente pola súa propia linguaxe sonora e literaria, tan sinxelo coma cheo de sons.

A clausura tamén contará con música co seu xa habitual ICC Fest, que terá como protagonista nesta ocasión ao artista internacional Juan Magán, produtor, cantante e remixer español de música electrónica con gran sona internacional. Magán, que conta con millóns de descargas dixitais, varias nominacións aos Grammy Latino e colaboracións con varios dos artistas máis recoñecidos do mundo, visitará o Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense ás 22h00 do sábado 6 de maio. O artista estará teloneado polos DJ’s Mike Wass, Prieto Brothers, Pablo Dumore, José Grande, nunha clara aposta do proxecto por fomentar, dar espazo e visibilizar o talento ourensán. Xunto con Lisboa e Madrid, esta é unha das tres exclusivas paradas que Juan Magán fará na súa xira europea deste ano.

Nesta edición asistimos tamén ao nacemento dunha nova proposta, os «ICC Show», concertos despois das ponencias e actividades que ofrecerá a programación da ICC Week para que sirvan como punto de encontro entre a comunidade.

Acollida por este formato, o mércores 3 de maio chegará a Ourense unha nova versión da música de The Beattles da man de The Funkles, unha banda tributo de orixe galega que reinventa en cada concerto as cancións da formación de Liverpool. O venres 5 en en sesión vermú, os Xardíns do Padre Feijoo serán testemuña das luminosas melodías e coloridos sons de guitarra de Bigott e entenderán por que os dous novos álbums de Malandrómeda, «Os corenta e oito nomes do inimigo» e «Cada can que lamba ou seu carallo»,  foron elixidos discos nacionais do ano ex aequo na lista que publicou o pasado mes de xaneiro a revista Rockdelux.

Os dous concertos serán de carácter gratuíto, ao igual que o que ofrecerá un artista de presenza internacional que a organización fará público proximamente.