Os establecementos hoteleiros do Carballiño elaboran unha oferta para esta Semana Santa, consistente en packs de aloxamento, manutención, servizos termais e visitas guiadas. Para perfilar a campaña, que se dará a coñecer nos próximos días, representantes do sector hoteleiro e dos balnearios mantiveron unha reunión no concello co alcalde, Francisco Fumega, e o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal.
O pack incluirá estancias de catro días, do Xoves Santo ao Domingo de Pascua, con tres pernoctacións (xoves, venres e sábado), programando unha serie de actividades de ocio e lecer, como servizos termais nos balnearios e visitas guiadas aos principais monumentos e lugares de interese do Carballiño. A esta oferta sumarase o programa de actividades culturais que organiza o concello así como as procesións e actos religiosos e culturais previstos pola Cofradía da Veracruz. Ademáis, dase a circunstancia de que este ano a feira é o sábado, o que supón un aliciente máis para o turismo.
Durante eses días estará aberta a oficina municipal de Turismo da Alameda, dende onde se canalizarán as visitas guiadas e se ofrecerá información sobre as actividades e lugares de interese do Carballiño e da comarca para visitar.
Na reunión tamén se acordou que, unha vez pasada a Semana Santa, proseguirase coas iniciativas para promover o turismo e a ocupación hoteleira durante o resto da tempada de primavera e verán. A este respecto cobra especial importancia a próxima apertura do novo balneario de As Caldas de Partovia, que supón un aliciente que engadir aos recursos turísticos cos que se conta.
Nesta campaña participan a totalidade dos hoteis do Carballiño: Aparthotel Arenteiro, Derby, Esclavo, Lorenzo, A Cubana, Pituxo, Xardín e Lecer. Así como os dous balnearios, o novo das Caldas de Partovia, que para esas datas xa estará abierto, e o Gran Balneario do Carballiño.