Ten 50 anos e traballa na Axencia Tributaria dende 1988, leva vencellado a CCOO dende o 90 e agora vén de estrearse no cargo de secretario Xeral da Unión Intercomarcal Ourense- Valdeorras deste sindicato. Falamos con Pedro Barreiros para coñecer o seus proxectos para os próximos catro anos.
Cales son os teus obxectivos e os do teu grupo para estes catro anos?
Pedro Barreiros: “Nos vindeiros catro anos pretendemos consolidar un proceso de renovación profundo nas estruturas de dirección de CCOO que se inicia nos Congresos que estamos a celebrar. O equipo de dirección que eliximos no Congreso da Unión Intercomarcal de CCOO de Ourense-Valdeorras, celebrado o pasado día 9 de marzo, conforma un proxecto colectivo e participativo.
É precisamente esto último, a participación na vida de CCOO e na toma de decisións, tanto das delegadas e delegados, coma da afiliación en xeral, é un reto importante que temos por díante e que acometemos con ilusión.
Outro obxectivo que nos marcamos é o chegar á xuventude, que son os donos do futuro”.
Cal é o que queres que se cumpla si ou si?
P.B.: “Sentiriame moi satisfeito, si ao remate deste mandato, temos conseguido que os traballadores e traballadoras da provincia, identifican, aínda mais, a CCOO como un sindicato útil e necesario para a defensa dos intereses colectivos dos traballadores e traballadoras”.
En todos estes anos, que mellorou e que empeorou para o traballador?
P.B.: “Como toda a vida, as cousas só melloran cando se pelexa para que melloren. Por desgracia, dende hai moitos anos, especialmente nos primeiros da crise, todo o relacionado co mundo do traballo empeorou. A reforma laboral imposta polo Goberno do PP, tal e como ven denunciando CCOO dende a súa entrada en vigor, foi nefasta en moitos aspectos para a clase traballadora, xa que, abaratou o despedimento, deteriorou as condicións laborais, precarizou o emprego e debilitou considerablemente a negociación colectiva.
Precisamente, agora que os datos macroeconómicos indican que se está a producir unha recuperación económica, que os beneficios empresariais aumentan, é o momento de recuperar uns salarios e unhas condicións laborais dignos para unha vida digna, depois de soportar a clase traballadora o peso mais duro dunha crise da que non fomos culpables. Non é de recibo que un traballador ou traballadora non poda vivir do seu salario, que non poda facer un plan de vida”.
Cal é a relación coas empresas? E coas administracións?
P.B.: “Ourense ten unha serie de déficits importantes que lastran o seu desenvolvemento: estructurais, industriais e de innovación. Si a esto lle engadimos que as políticas clientelares e caciquís xa son estructurais na nosa provincia, entenderemos que esta provincia non acade un grao de modernización acorde aos tempos que vivimos.
De todolos xeitos, acabamos de aterrar. Nas miñas responsabilidades anteriores adicábame mais ben a ámbitos da administración, pero, como non podía ser doutro xeito, as relacións dependerán do respeto que demostren cara o que representamos CCOO.
En todo caso, xa temos previsto iniciar unha ronda de contactos institucionais tanto con representantes dos empresarios, como das distintas administracións, para exporlles as nosas principais reivindicacións e para tentar ter con eles un trato fluído, si é posible, sempre buscando a mellora das condicións laborais, salariais e sociais da cidadanía”.
Fálase da baixada do paro, de que a economía está a medrar. Que reflexión fas destas noticias?
P.B.: “Os datos poden ser enganosos. Se ben hai unha mellora dos datos do paro, tamén son reveladores de que as contratacións que se fan son na súa maioría temporais e en precario.
CCOO ven denunciando dende hai tempo que o paro xuvenil segue sendo moi alto e tamén é preocupante a situación dos parados de longa duración, con idades avanzadas e poucas posibilidades, a persar da súa capacidade, para reintegrarse ao mercado laboral.
Os datos macroeconómicos, tamén indican un crecemento da economía española do 3% e un incremento dos beneficios empresariais, pero esta recuperación non chega aos traballadores e traballadoras do país”.
Desde os sindicatos incidides moito no precariedade laboral nos últimos tempos…
P.B.: “É unha realidade evidente que se reflexa nos datos oficiais. Neste país abúsase da contratación temporal e cunhas condicións precarias. Os traballadores e traballadoras en moitos casos non poden vivir do seu salario, fanse horas extras que non son abonadas, contratacións por media xornada e os fan traballar a xornada completa…
Esta é a triste situación, pero entre todos e todas debemos revertir esta situación e nesa loita sempre estará CCOO na vangarda”.