Máis de 2.000 figuras conforman a exposición “A Paixón según Playmobil”, que pode visitarse no templo da Vera Cruz do Carballiño ata o 16 de abril.
Pasos procesionais, nazarenos coa indumentaria de diferentes cofradías, grandes edificios públicos e de vivendas, unha igrexa, un castelo, un calvario e innumerables pezas con guardas uniformados, árbores, vehículos de emerxencias, farolas, bancos e outros obxectos, representando escenas urbanas propias de Semana Santa, poden verse nesta mostra que é a primeira vez que se exhibe en Galicia e que abre o programa de actos da Cofradía da Veracruz para esta próxima Semana Santa.
Como curiosidade engadida e a modo de xogo para os nenos que visiten esta mostra, os organizadores situaron dúas figuras de “diabliños” entre as dúas mil que hai, co obxectivo de que as poidan localizar.
A exposición, que ocupa unha boa parte da xirola do templo, pode verse arredor cunha perspectiva de 360º. Dunha parte, as fachadas dos edificios, e doutra, a vida cotiá no seu interior. Incluso hai xente dentro da igrexa.
Xunto con esta mostra hai outra de fotografías coa historia da Cofradía da Veracruz nos últimos dez anos de existencia.