Ourense en Común inicia este mes unha campaña de recollida de medicamentos coa que achegará axuda humanitaria ás refuxiadas saharauis, aproveitando a viaxe institucional aos campamentos do suroeste de Alxeria na que participará Miguel Doval entre o 17 e o 21 de abril.
O grupo quere así aproveitar a visita institucional para achegar a súa solidariedade co pobo saharaui, visibilizar as necesidades deste pobo abandonado na diáspora hai máis de 40 anos pola irresponsabilidade do estado español, e convidar á reflexión sobre o drama humano de todas as refuxiadas. “Ogallá non existiran persoas obrigadas a abandonar os seus fogares en busca de refuxio”.
Ourense en Común recomenda que se donen medicamentos sen caducar de uso común, como analxésicos, antisépticos, material para primeiras curas, e en xeral, fármacos que se poden mercar sen receita médica. “O que podemos ter en calquer casa e que, por desgracia, alí non é fácil conseguilo”, apunta Miguel Doval, que aclara que “o material que se recolla será entregado a personal e centros sanitarios dos campos, non a particulares”.
Tres farmacias da cidade están implicadas coa campaña, e ata o mércores 12 de abril funcionarán como puntos de recollida nos barrios da Ponte, O Couto e Mariñamansa; son as ubicadas en Vicente Risco, 3, Ervedelo, 82 e Av. de Zamora, 6.
Ademais, os martes 4 e 11 de abril o Espazo en Común nas Burgas funcionará tamén como punto de recollida entre as 17h e as 20h da tarde.
Miguel Doval está vencellado directamente ao pobo saharaui desde que exercera como voluntario no programa “Vacacións en paz”, acompañando e atendendo a dez nenos con discapacidade durante a súa estancia en Ourense no mes de agosto de 2011. Un ano máis tarde, Miguel visitábaos nos campamentos, convivindo con eles dúas semanas e establecendo estreitos lazos con este pobo que define como “moi acolledor, respectuoso e humanitario”. Cinco anos despois, Miguel volverá a encontrarse coas familias nesta viaxe institucional.
Os 200.000 saharauis que conviven nos campos de El Aaiún, Auserd, Smara e Dajla, no suroeste de Alxeria, fano en condicións infrahumanas, agardando unha solución xusta ao conflito que inclúa o seu dereito para decidir o futuro do seu país. Viven en tendas, sen auga corrente, e dependen case totalmente da axuda internacional externa para subsistir. Dous terzos das mulleres sofren de anemia, e un terzo dos nenos sofre de desnutrición crónica.