O Vinis Terrae pechou as súas portas con 1.200 citas de negocio para as 60 bodegas expositoras. Citas con importadores de 19 países e con compradores nacionais. En total, o salón pecha contando coa visita de máis de 600 profesionais do sector.
Cada expositor superou as 20 citas de media, algunhas xa con compra efectiva, aínda que na maioría dos casos os tratos comerciais pecharanse a curto e medio prazo.
Vinis Terrae foi clausurado pola directora xeral de Ganadería, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo, quen indicou que esta cita «é o mellor salón profesional que pode ter Galicia e que abre as portas do mercado exterior a denominacións de orixe menos coñecidas».
As expectativas tamén se viron cubertas por parte dos visitantes profesionais. Rafael Campos, de Estados Unidos, indica que ?eu viña claramente a por Albariño e atopeino pero ademais creo que a medio prazo incluirei o godello no meu portfolio. A calidade dos viños que probei é altísima e creo que a solución para a miña empresa vai ser traballar con «moitos poucos» engadindo así distintas denominacións ao meu catálogo». Pola súa banda, o importador de Panamá, Miguel Briceño, asegura sentirse «nun parque de atraccións con todos os descubrimentos que estou a facer. A miña misión agora será ensinarlle ao mercado panameño que o viño de Rías Baixas é espectacular pero que Galicia ofrece todo un mundo por descubrir coas demais denominación».
Cata Extraordinaria
Entre as 110 propostas de viño presentadas o Pazo Tizón Extramundi 2015, de Bodegas Pazo Tizón (D.O. Ribeiro) levouse a medalla de ouro; Xiana 2016, de Bodegas Chao do Couso (D.O. Ribeira Sacra) levou o ouro na categoría de tintos.
Este acto incluíu tamén a entrega de dúas Medallas de Ouro especiais. A primeira delas foi para a Estación de Viticultura de Galicia- EVEGA, pola súa intensa colaboración na organización nas actividades desta edición do salón. A segunda delas foi entregada a título póstumo a José Luís Vaz Vilela, fundador de Adegas Ladairo no DO Monterrei.