De Rubiá, o Bolo, Larouco, A Veiga e Carballeda.

O obradoiro «Concello rurais de Valdeorras» deu un posto de traballo a 20 persoas

20 persoas, de Rubiá, o Bolo, Larouco, A Veiga e Carballeda, formáronse e conseguiron un traballo grazas ao obradoiro «Concello rurais de Valdeorras». Este obradoiro contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 180.000 euros.

Actuacións
O alumnado de Concellos rurais de Valdeorras durante os seis meses que durou esta iniciativa laboral, logo da súa etapa inicial de formación, puxo en práctica os coñecementos adquiridos. Así, no concello da Veiga remodelaron e acondicionaron o lugar coñecido como Praia de Coiñedo; en Carballeda de Valdeorras executaron o acondicionamento dos camiños Regueiro de Augas e o de Inverno, no lugar de Pumares, amais de acondicionar a travesía de Sobradelo; o camiño de Inverno ao seu paso por Quereño, pertencente ao concello de Rubiá, tamén foi remodelado; en Larouco, o alumnado dedicouse á recuperación  de zonas verdes das piscinas municipais, Freixido, e a zona das escolas en Seadur;por último, polo que respecta ao concello do Bolo, axardinaron o espazo de entrada á igrexa de Tuxe.

Os obradoiros de emprego, aos que a Xunta de Galicia destinou 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que a convocatoria pasada, teñen por obxecto mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social que lles posibilite a realización dun traballo.

O vindeiro luns 10 de abril sairá publicada no DOG unha nova edición do programa específico para talleres dirixidos a menores de 30 anos, a través do Sistema de Garantía Xuvenil.