A Semana Santa en Ourense volveu deixar as excelentes cifras de turistas de 2016, cun milleiro de persoas atendidas nas Oficina de Turismo municipal no período do 13 ao 16 de abril.
“Cos establecementos hoteleiros e hostaleiros colgando o cartel de cheo total, a percepción das rúas e terrazas, así coma dos principais enclaves turísticos desta cidade, a semana santa foi dun éxito total”, dicía o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Ademais, “o 85% visitaba por vez primeira Ourense, o que fala ás claras da boa promoción que se está a realizar desta cidade como destino turístico”, dixo.
Case a mesma porcentaxe, oito de cada dez, é a que representa o turismo nacional, provinte na súa maioría de tres comunidades: Castela León, Madrid e Euskadi. O resto dos visitantes proceden de Galicia, un 15%, sendo A Coruña a provincia que máis visitantes achega, e do resto do mundo (5%), sendo os portugueses, brasileiros, franceses, alemás e británicos os máis representativos.
Respecto aos días de estadía, seguen a ser maioría os que veñen pasar o día fronte aos que se quedan dúas noites. Porén, medra significativamente o número de persoas que pensan quedarse máis de dous días.
Progresión
Desde 2011, cando se rexistraron 176 visitas á Oficina de Turismo, ata hoxe, as cifras multiplicáronse por dez.