O Concello de Ourense e a Xunta de Galicia asinaron un convenio polo que se desenvolverá a primeira fase do Plan Integral de Mellora de Infraestruturas no Polígono Empresarial de As Coiñás, dotándoo cunha inversión de 700.000 euros. No acto de sinatura participaron o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
Precisamente, o rexedor ourensán agradeceu á asociación de empresarios de As Coiñás “a súa paciencia por demasiados anos esperando esta actuación, tan necesaria en materia de accesibilidade e seguridade nunha zona con 21 empresas que dá emprego a medio millar de persoas e garantiza que eses 500 empregos se sigan mantendo na nosa cidade”.
Jesús Vázquez quixo deixar claro que “aquelo que algúns viron que era imposible, finalmente sí era posible. E algúns que chegaron a negar en pleno a posibilidade de que se puidera facer, agora verán que era factible, grazas á colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, aquí representada polo seu titular, Francisco Conde”.
Con este proxecto reformaranse as infraestruturas existentes máis necesarias, posibilitando así melloras substanciais, tanto desde o punto de vista da mobilidade, como de seguridade e servizos.
Así, a adecuación contempla a reposición da pavimentación, saneamento, abastecemento, alumeado público, telecomunicacións e sinalización.