Ourense contará con outra carreira popular no seu calendario. Nesta ocasión será unha proba distinta a cantas se levan celebrado polas rúas da vella Auria. Distinta pola disntancia a percorrer, e distinta polo carácter solidario. Os participantes deberán completar a distancia dunha milla (1.609 metros) tan de moda nos últimos tempos. Unha distancia, de medida inglesa, ao alcance de todo o mundo.
Ademais contará con dous alicientes: por unha banda o recadado nas inscricións irán integramente á Asociación española contra o cancro (AECC), e pola outra, o circuíto, que estará ubicado na rúa do Paseo.
Data e inscricións
O domingo, día 30 de abril -en torno ás 11 da mañá- é o día fixado para esta carreira e as inscricións deben realizarse a través da web da Federación Galega de Atletismo carreirasgalegas.com.
O prezo é de 3euros para a categoría absoluta e de balde para as escolares.
As categorías participantes irán desde pitufos ata veteráns. De infantil cara abaixo a distancia será inferior á milla.