No marco da Feira do viño do Ribeiro tivo lugar a entrega de premios da Cata Popular desta 54ª edición, ao que asistiron o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Felicísimo Pereira Freijido, o alcalde do Concello de Ribadavia, Ignacio Gómez López (coorganizadores do evento), a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e outras autoridades.
Na categoría de Viños Brancos de Adegas resultou galardoado como mellor viño Alberte 2016, de Bodegas Nairoa. Pola súa banda, na categoría Viños Brancos de Colleiteiros, levou o primeiro premio Canción de Elisa 2016 de Adega Dona Elisa, o viño Celme de Pena Bicada 2016 de Adegas Celme recibiu o segundo premio e o terceiro premio recaeu no viño Erundina 2016 de Alejandro Lodeiro Rodríguez. Por último, na categoría de Viños Tintos o primeiro premio foi para Priorato de Razamonde 2015 de Viña da Cal, o segundo premio recaeu en Pazos de Albor Mencía 2016 de Mónica Albor López e o terceiro premio foi para Erundina 2016 de Alejandro Lodeiro Rodríguez.
En canto aos premios, o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Felicísimo Pereira, engade “recoñecémolos de suma importancia, pois é o público o os que os outorga. O consumidor recoñece e traslada nestes premios as súas preferencias e gustos, polo que non cabe máis que salientar o seu valor. É salientable comentar que nesta edición se produciu unha participación superior ao 50% con respecto ao ano pasado”.
Por outra banda, recoñeceuse como Mellor Catador de Viños Tintos a Rodrigo Rodríguez de Lugo, na categoría de Mellor Catador de Viños Brancos de Colleiteiro premiouse a Mathias Domínguez, veciño de Carballeda de Avia e como Mellor Catador de Viños Brancos de Adega a galardoada foi Beatriz Maté, de Ourense. Estes premios outórganse ás persoas que máis se acheguen aos resultados finais dos viños premiados en cada unha das categorías.
Na súa intervención, Felicísimo Pereira quixo resaltar o gran potencial dos viños da colleita 2.016 indicando que “o traballo que se está a desenvolver na nosa Denominación de Orixe está a obter os seus froitos”, polo que quixo ademais felicitar “ás adegas, colleiteiros e viticultores do Ribeiro” e convidalos a que continúen nesa liña de traballo, primando a calidade nos seus viños, sobre todo ante as adversidades.
O alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, súmase ás felicitacións para adegueiros e colleiteiros, e agradece a participación de todos aqueles que se implicaron nesta 54ª Feira do Viño do Ribeiro. Unha edición que chega ao seu remate cun éxito total en canto á participación tanto das adegas coma do público. Os datos reflicten un importante respaldo a esta nova liña de organización da Feira, onde a calidade e a innovación se mesturan coa tradición e a cultura do viño. Dende o Concello apóstase por seguir traballando na mellora e na oferta de propostas que atraian ao público e que estean á altura do que o viño do Ribeiro é merecedor.