O Centro BTT Serra do Xurés é un espazo ao aire libre, deseñado e preparado para os usuarios de bicicletas todo terreo, que posibilita o coñecemento do medio rural e natural a través do deporte.
Este centro da Rede BTT Galicia, que recibe o nome do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, conta cun total de nove rutas que discorren polos concellos de Muíños e Lobios sumando un total de 238 quilómetros sinalizados.
As tres novas rutas inauguradas suman un total de 90 km sinalizados no municipio de Lobios que, grazas ao seu deseño, permiten facer a conexión co resto das xa existentes, de xeito que os usuarios deste centro BTT poden deseñar itinerarios á carta en función da súa condición física, técnica e do tempo dispoñible.
Durante o acto de inauguración, a responsable de Turismo da Xunta, Nava Castro, explicou que o deporte asociado ao turismo enriquece a experiencia dos que nos visitan e axuda a coñecer de preto algunhas das paisaxes máis espectaculares do destino. “A práctica do ciclismo de montaña incentiva o contacto coa natureza, primeira motivación pola que os turistas e viaxeiros elixen Galicia como destino”, engadiu.
Neste senso, a directora de Turismo de Galicia destacou que o feito de contar en Galicia cun circuíto deseñado especificamente para a utilización da bicicleta de montaña é froito da aposta do Goberno galego por desenvolver o turismo sostible e por incentivar a práctica deportiva como un novo xeito de coñecer o destino.
Nava Castro sinalou que a ampliación do Centro Serra do Xurés fortalece a Rede BTT de Galicia que, segundo afirmou, “constitúe, na actualidade, un gran reclamo para a nosa comunidade como destino”.
Así mesmo, resaltou que coas novas tres rutas inauguradas hoxe o Centro da Serra do Xurés convértese na segunda instalación BTT de Galicia con máis quilómetros sinalizados, só por detrás dos 245 km do Centro BTT Portas de Galicia. “Un importante reclamo que complementa a magnífica oferta turística de Ourense a través do deporte en conexión coa natureza”, concluíu.
Novas rutas e servizos
As tres novas suman un total de 90 km sinalizados no municipio de Lobios.
A ruta “Circular de Lobios” e a ruta “Minas das Sombras” teñen os seus puntos de inicio e de chegada no propio centro da vila, preto da Casa do Concello e do Centro de Interpretación do Parque Natural “Baixa Limia-Serra do Xurés”.
A ruta “Alto de Santa Eufemia”, pola súa parte, ten o seu punto de saída e chegada no Hotel Balneario Lobios-Caldaria.
Deste xeito, o balneario pasa a formar parte deste Centro BTT Serra do Xurés como Punto de Información Oficial, tanto a través do propio persoal do establecemento como do servizo dixital, situado no hall de recepción, que ofrece a posibilidade de descarga dos itinerarios gps das rutas.
Ademais, o establecemento ofrece tamén outros importantes servizos como unha tenda de accesorios, o arrendamento de bicicletas e cascos, un taller de reparación, así como zonas de lavado, secado e estacionamento de bicicletas para clientes aloxados.
Así mesmo, permite por vez primeira na Rede BTT de Galicia o aluguer de bicicletas eléctricas e o deseño de rutas específicas á demanda de clientes acompañadas por un guía local.
Outra das grandes novidades é o programa “Xurés Termal Bike” un paquete turístico deportivo-termal que combina perfectamente a experiencia termal coa práctica BTT, adaptándose a todo tipo de públicos, dende o profesional de alto nivel ata o visitante non iniciado.