A última edición da tempada da Ruta das Tapas celebrarase este venres, 5 e estará adicada aos pinchos de primavera. O evento foi presentado no Mesón Os Portais, xunto cos representantes dos locais que participaron nesta iniciativa gastronómica dende o pasado mes de outubro.
O concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal, agradeceu aos hosteleiros a súa colaboración e sobre todo o esforzo por superarse en cada edición, mellorando as presentacións e a oferta gastronómica. Así, destacou a dinamización conseguida con esta iniciativa, que proseguirá no próximo outono.
No mesmo sentido se pronunciou o portavoz dos vinteún locais hosteleiros carballiñeses adheridos á Ruta das Tapas, agradecendo a implicación de todos eles, e destacando o carácter positivo desta última edición.
Ambos interlocutores, así como a representante da adega Pazo Pizón, Cristina Mouriño, que patrocina o evento xunto co Centro Comercial Aberto, invitaron a participar este venres na ruta e recordaron que había que cubrir as tarxetas que se ofrecen en cada local para participar no sorteo de vales por un valor total de 2.000 euros para mercar nos establecementos comerciais do Carballiño.
Tostas, faxiñas, tacos, polbo á vinagreta, mexillóns recheos, ensalada de frutos tropicais e outros pinchos elaborados con produtos de tempada foron presentadas este mediodía como unha mostra das tapas que se poderán degustar este venres a partir das oito da tarde polo prezo de 2 euros en cada local. Asemade, poden acompañarse coa última añada do 2016 da adega Pazo Tizón, que xa está nos establecementos.