O Concello de Ourense convoca un concurso para elixir o cartel anunciador das Festas de Ourense 2017. Desde esta semana e ata o día 20 de maio está aberto o prazo para presentar propostas ao certame, que está dotado cun premio por importe de 1.000 euros. Repetindo o modelo seguido no pasado ano 2016, o concurso desenvolverase en dúas fases. Un xurado designado polo Concello elixirá 5 carteis, que se exporán ao público para que os propios veciños e veciñas da cidade decidan o gañador, a través dunha votación popular, por vía telemática.
As bases do concurso pódense consultar nas páxinas web do Concello e da Concellería de Cultura (http://www.ourensecultura.com/Avisos/detalles/83)
Os carteis serán representativos e estarán relacionados coas Festas da cidade de Ourense. Poderá concursar toda persoa física ou xurídica, entregando os traballos no Rexistro Xeral do Concello nun sobre, onde figurará “Concurso carteis Festas 2017” e debaixo un pseudónimo ou lema; dentro deste, nun sobre pechado, no que figurará por fóra o mesmo pseudónimo ou lema, os datos de identificación, enderezo e teléfono. Só se abrirá o sobre da obra que resulte premiada.
Os carteis deberán de incluír obrigatoriamente o seguinte texto: “Festas de Ourense 2017”. A obra deberá ser orixinal e inédita, non debendo ter sido premiada anteriormente nin atoparse pendente da resolución do xurado noutros concursos.
O xurado valorará o conxunto de propostas presentadas tendo en conta a adecuación á temática, a orixinalidade e a calidade artística. De entre os traballos recibidos, seleccionará 5 para que se expoñan ao público e o gañador sexa elixido mediante votación aberta á cidadanía.
Iván Ferreiro
Desde o Concello de Ourense anunciaron que Iván Ferreiro actuará nas Festas do Corpus 2017. O concerto, gratuito, será na Praza Maior o sábado 24 de xuño a partir das 22:30 horas, nada máis remate a lectura do pregón que dará inicio ás Festas de Ourense 2017, e que se prolongarán ata o 2 de xullo.