Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, celebrada esta mañá, aprobou un total de 293.845 euros en subvencións para a realización de proxectos municipais e para temas de cultura, informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, na súa comparecencia para dar conta dos acordos adoptados na reunión deste venres.
A maior parte das axudas aprobadas corresponden ao ámbito da cooperación cos concellos. Así, a Xunta de Goberno acordou conceder 13.945 euros ao Concello de Bande que irán destinados á instalación de radiadores na planta cero da casa consistorial, dentro do seu proxecto de eficiencia enerxética nas dependencias municipais. Tamén o Concello de Oímbra está a executar melloras na casa consistorial, desta volta para a eliminación de barreiras arquitectónicas mediante a instalación dunha plataforma salva-escaleiras para a que recibirá 6.000 euros.
Outras das axudas concedidas irá destinada ao Concello de Laza. Serán 150.000 euros para a execución dun edificio no que se ubicará o centro municipal de emerxencias. A característica desta edificación, que irá soterrada, permitirá tamén que dentro do mesmo proxecto se constrúa sobre a cuberta un parque público.
O Concello de Nogueira de Ramuín recibirá, entre tanto, senllas axudas por valor 39.000 euros. A primeira delas, de 9.000 euros, será empregada na colocación dun tótem escultórico na rotonda de Luíntra, como seña identificativa do concello. A segunda das subvencións é de 30.000 euros, que permitirán recuperar e adaptar o parque infantil existente no CEIP de de Luíntra.
Ademais, o Concello de Sandiás beneficiarase dunha axuda de 13.900 euros que teñen como obxectivo a construcción dun patio cuberto e a instalación dunha pérgola no Punto de Atención á Infancia, obras que repercutirán nunha maior comodidade do acceso as instalacións, en particular nos días de chuvia.
Mentres, a A Xunta de Goberno acordou ademáis aprobar unha subvención de 50.000 euros para a Mancomunidade Terra de Celanova, cantidade que servirá para sufragar a actividade que desenvolve esta entidade.
Por último e no capítulo cultural aprobouse unha subvención á Real Academia Galega para o desenvolmento das súas actividades ao longo do presente ano. Unha achega que alcanza os 15.000 euros.