En Expourense entre os días 10 e 11 de maio.

Previsel ofrece máis de 30 actividades para crear espazos de traballo saudables

Conseguir a integración definitiva da prevención no sistema de xestión das empresas galegas para crear espazos de traballo saudables. Este será
un dos obxectivos da 12ª edición de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, que terá lugar en Expourense entre os días 10 e 11 de maio.

Ademais de fomentar a cultura preventiva entre empresarios e traballadores, esta edición integra ademais actividades de interese para toda a sociedade. Preséntase un completo programa con máis de 30 actividades nas que tamén se inclúen conferencias e obradoiros especializados dirixidos a determinados sectores como a edificación, a agricultura, a docencia ou o forestal. Esta cita consolídase así como o marco elixido por distintas entidades para impartir formación neste eido.

Previsel está consolidado como o único salón destas características en Galicia e que consegue a involucración activa de todos os axentes vencellados á prevención: administración, patronal, sindicatos, colexios profesionais ou servizos de emerxencias entre outros. Tanto os profesionais como o público xeral que asista a Previsel atopará dúas importantes áreas: exposición e xornadas técnicas. En total, esta cita contará con 23 expositores procedentes de Galicia na práctica totalidade e destacando a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias.

Novidades
Previsel realizará actuacións para sensibilizar á sociedade en xeral da necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos ou de enfermidades. Entre os temas novidosos que serán abordados nesta edición destacan a presentación do programa de detección precoz do cancro de colon (organizado pola Consellería de Sanidade), a prevención da violencia de xénero, os plans de autoprotección aplicados na organización de eventos tanto desde o ámbito público como privado.

Unha das demostracións prácticas máis chamativas consistirá na exhibición dun rescate en altura empregando as denominadas “liñas de vida” instaladas nas cubertas do Paco Paz, froito da colaboración entre a Deputación Provincial e os Bombeiros, que  tamén impartirán clases de “buceo en fume” para actuar ante un incendio nun lugar pechado.

Outra das novidades será a mesa sobre “seguridade e protección na edificación” na que participa a Inspección de Traballo e os colexios profesionais de Arquitectos, de Aparelladores e de Enxeñeiros Técnicos Industriais que abordarán termas como os os riscos e responsabilidades nas obras de reformas acometidas polas comunidades de veciños, que nalgún caso as responsabilidades son descoñecidas polos promotores ou os efectos derivados do deseño dos edificios na saúde dos seus habitantes.

Horario
O horario de apertura do salón será o mércores 10 de maio de 10 a 14.00 h. e de 16.30 a 19.30 h. e o día 11 de 10.00 a 14.00 h.