A Unión Deportiva Ourense acaba de anunciar a fichaxe de Fernando Currás como novo adestrador do primeiro equipo. O que fora coordinador da base esta tempada asume o reto de dirixir a primeira plantilla na tempada 2017-19.

Fernando Currás, novo técnico da UD Ourense

Na rolda de prensa asegurou que quere manter a ilusión dunha bancada que estivo ao carón do equipo desde que se creara no verán de 2014.
Currás estará acompañado do seu irmán, Nacho, como segundo adestrador; Antonio Dacosta, como adestrador de porteiros; e Toni, como preparador físico.

En canto á plantilla, Currás afirmou que aínda é cedo para tomar unha decisión, pero que non quere facer unha gran revolución. Sobre o estilo de xogo asegurou que “queremos que a bancada se sinta identificado co equipo”.

A un partido do cambio de ciclo na UD Ourense
Os unionistas xogarán esta fin de semana o que será o último encontro na liga provincial (en caso de que non volvan a descender).
Contra o Taboadela porase o punto e final a un periplo de tres anos nos que se viaxou, desde as bancadas do Couto no ano 2014, por toda a provincia. Acompañados por uns seareiros que quixeron seguir ao equipo na travesía polo deserto. Tres anos que deixan unha Copa Deputación B, dúas ligas e tres ascensos consecutivos.

Dacosta
O ciclo non remata só nas categorías deportivas, tamén o fai no banco. Antonio Dacosta, que estivo co club desde antes de que se creara, deixará de ser o seu adestrador. E con el irase Fran Álvarez, que comezou como xogador -de imborrable recordo a tanda de penaltis en Eiroás con último lanzamento del- e continuou este ano no banco con Dacosta.
Tampouco seguirá Xurxo, o xogador que estivo desde o inicio e colleu a capitanía o segundo ano, unha vez que se marchara Adolfo. Outros dous xogadores continuaban desde o principio: Diego Soto e Xaco. O primeiro colgou as botas na segunda volta deste ano (por culpa das lesións) e o segundo pode ser que sexa o único que permanezca unha cuarta tempada.

Taboadela
E para poñer o punto e final a este ciclo o partido será no estadio do Couto este domingo 14 de maio ás 18 horas. O rival será o Taboadela.

Subida no carnet de socio
O salto de categoría do primeiro equipo da UD Ourense suporá un incremento nos gastos correntes (arbitraxes, viaxes, plantilla…). Por iso, levouse a votación na última na asamblea a aprobación dunha subida no prezo dos carnets de socio. Así, o abono normal pasará dos 40 euros que valía esta tempada ata os 60. A subida foi aprobada por unanimidade.