Escritor ao que se adica este ano o Día das Letras Galegas.

A provincia homenaxea a Carlos Casares

A provincia de Ourense será protagonista este ano no Día das Letras Galegas, xa que está adicado ao escritor Carlos Casares, que pasou parte da súa infancia na Limia.
Con este motivo, de xeito especial, Xinzo ten previstas numerosas actividades para renderlle  homenaxe.

O acto central do seu programa de actividades desenvolverase o 17 de maio. Na praza Carlos Casares, ás 12:45 horas, un alumno de cada centro educativo da vila lerá un fragmento dunha das obras do escritor, antes de que dea comezo o acto institucional da Xunta  (13 horas).
Así mesmo, haberá unha Feira do libro en galego, de 10 a 21 horas; unha xuntanza de Harley Davidson, a moto preferida de Casares (praza de San Roque, 14 h); unha representación teatral infantil (Casa da Cultura, 18 h); e dous concertos na praza Carlos Casares, da cantante limiá Esmeralda (19:15 h) e de María do Ceo (20:30 h).
Ademais, numerosas mostras recordarán a súa figura, como a exposición “Carlos Casares na Limia”, que se pode visitar na Casa da Cultura ata o 30 de xullo, e que recolle imaxes nas de Casares coa  xente da comarca; “As caras dos libros. O deseño de portada na obra de Carlos Casares”, que estará no Casino Antelano ata o 9 de xuño; “Os mundos de Casares”, no Museo Galego do Entroido ata o 30 de setembro; e “O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares”, tamén no Museo ata o 30 de novembro.

Carballiño
Pero outras zonas da provincia tamén teñen preparado un amplo abano de iniciativas para esta data.
Coa distribución dun marcapáxinas adicado a Carlos Casares, comezou o pasado 11 de maio a programación especial do Concello do Carballiño co gallo do Día das Letras Galegas.
Estas actividades terán o seu centro o 17 de maio, ás 20 horas na Praza Maior, coa audición de blues e presentación de “Blues para Moraima”, de Miguel Anxo Fernández, obra gañadora do XXXVPremio de Novela Blanco Amor.
O xoves 18 terán lugar obradoiros de marcapáxinas, contacontos e lectura compartida, na biblioteca, de 17:30 a 19 horas, dirixidos a nenos de 6 a 11 anos. E os  días 18 e 19 de maio de 12 a 13:30 horas, serán para persoas con discapacidade intelectual.
Así mesmo, esta instalación acollerá ata o 19 de maio a mostra “Encontros con Carlos Casares”, coas obras do escritor limián.