A XVI edición da romaría etnográfica Raigame homenaxea o Museo do Pobo Galego, que en 2017 celebra o 40 aniversario da súa inauguración. Esta Festa de Interese Turístico de Galicia, co-organizada pola Deputación e o Concello de Celanova, celebrarase o 17 de maio en Vilanova dos Infantes.
Programa
As actividades que se desenvolverán no marco de “Raigame” estarán estreitamente relacionados co Museo. Haberá a exposición “Un museo, miles de historias”, e outra de reproducións dunha serie de pezas. Tamén se celebrará o II Simposio de Raigame, con dúas breves charlas seguidas dun debate.
Participarán así mesmo grupos de música, teatro e baile, e os tradicionais postos de gastronomía, así como máis de 40 artesáns traballando en vivo.
A programación complétase cun concurso de fotografía e coa entrega do III Premio Honorífico “Adolfo Enríquez”, que recoñece o traballo de persoas e institucións en prol da recuperación, o estudo e a difusión da cultura tradicional, que recae no Museo do Pobo Galego.
Como novidade inclúese o espazo de cine “Carlos Velo”, para a proxección de documentais relacionados coa antropoloxía e a etnografía.