Haberá un total de 21 concertos en catro escenarios.

As Festas de Ourense collen forma

As Festas de Ourense comezan a coller forma e o cartel está practicamente perfilado. Á espera de pechalo definitivamente xa se coñecen todos os concertos que terán lugar en  Ourense do 24 de xuño ao 2 de xullo.

Durante os próximos días desde o Concello irán dando a coñecer todas as actividades que terán lugar na semana das festas.

Concertos
Haberá un total de 21 concertos en catro escenarios (xardín do Posío, praza Maior, praza San Martiño e praza do Ferro). O día da inauguración, unha vez rematado o pregón, Iván Ferreiro será o encargado de abrir as actividades musicais co seu concerto na praza Maior (a partir das 22:30 horas do día 24).

O luns 26  de xuño turno para “La edad de oro del pop español”, formación que fará un repaso do panorama musical español das décadas dos 80 e 90 do século pasado.
O día 28, mércores, actuarán na praza Maior os míticos Burning, cuns teloneiros previos dende as 22:30 horas. A formación madrileña -de xira por España- encabezada por Johnny Burning fará un repaso a súa extensa carreira.

Sweet California será outro dos atractivos destas das Festas do Corpus; o trío actuará no xardín do Posío o 30 de xuño. Quen queira acudir a este concerto terá que pasar por taquilla, o custe da entrada será de 5 euros (anticipada en ticketea.com) e de 7 na billeteira.
Ademais, o 1 de xullo, o Bulevar termal As Burgas acollerá o Enofestival Ourense. Ao escenario do evento acudirán Arizona Baby, ademais de MCarballo Band e The Limboos.

Cartel das Festas
Despois de presentarse 16 traballos, o xurado elexiu aos cinco carteis finalistas que optarán a ser o cartel anunciador das Festas de Ourense 2017.
Agora, estes carteis elexidos poderanse votar ata o domingo, día 4 de xuño. O que teña máis votos resultará gañador, pasando a ser a imaxe das festas, e recibindo unha dotación de 1.000 euros para o autor ou autora.
“Ourense no corazón”; “Dori”; “Auga, pedra fogos e frores”; “Ourense vístese de festa”; e “Alegría” son as obras finalistas. Poden votar pola súa favorita na web ourensecultura.com.