O club xa está perfilando a plantilla que competirá na Preferente.

A UD Ourense toma forma a todo ritmo

Días axitados nas oficina da UD Ourense. De cara a confeccionar unha plantilla, o máis competitiva posible, o club está a presentar as renovacións e as novas fichaxes.

Desta vez tocou un de cada. O mediocentro Bruno procedente do Nogueira e o dianteiro Hugo. Bruno levaba os últimos cinco anos no Nogueira e procedía da canteira do CD Ourense. O xogador comentou na súa presentación o desexo de recalar no cadro capitalino. Pola súa banda, Hugo mostrábase con moitas máis gañas, se cabe, que o ano pasado de seguir no proxecto. Os dous non esquivaron a responsabilidade, unha vez que se van coñecendo as fichaxes, de loitar polo ascenso.

Máis presentacións
Anteriormente foi Rubén Durán quen renovou o seu compromiso coa entidade unionista de cara ao próximo curso; un xogador de categoría superior que se volcou con este proxecto. Despois chegaban as primeiras incorporacións na figura do porteiro Pato e o atacanteAlfredo; toda unha declaración de intencións do equipo que dirixirá Fernando Currás -en substitución de Antonio Dacosta- de que este ano non será de adaptación. Pato procede do Boiro e Alfredo -que tivo algunha que outra oferta- do Bardadás.

As seguintes incorporacións foron de futuro: Joni e Codeso, do Ribeiro e Sporting Celanova, respectivamente. Os dous chegan con moitas gañas de facerse un oco no 11 titular polo que veñen convencidos de loitar por elo. O do Ribeiro é un xogador atacante que se desenvolve ben na área ou preto dela. Pola súa banda, o de Celanova é de corte defensivo (lateral esquerdo); os afeccionados recórdano do gran partido que fixo en San Rosendo diante dos unionistas. Para os dous, esta fichaxe é un premio ao traballo realizado a pasada campaña.

Campus
A UD Ourense organiza o seu segundo campus para nenos e nenas de 4 a 14 anos. Terá lugar do 26 ao 30 de xuño no estadio do Couto. A inscrición está aberta ata o día 23 nas oficinas do club (en horario de 18 a 21 horas). O prezo é de 80 euros (65 pagarán os que son socios ou pertencen á base). Os interesados poden solicitar máis información no 988 605 498.