O vindeiro venres, 30 de xuño, ás 21.30 horas, o Auditorio Municipal de Verín acollerá a retransmisión en directo da ópera Madama Butterfly, de Giacomo Puccini, que se representará no Teatro Real de Madrid.
Este evento está enmarcado dentro das propostas de achegamento da ópera a todos os cidadáns, que impulsa o programa de actividades do Bicentenario do Teatro Real. Desde o pasado luns, o Concello puxo a disposición do público as entradas para a ópera (gratuítas e numeradas) no Auditorio Municipal.
Madama Butterfly
Madama Butterfly é a traxedia por excelencia no mundo da ópera. Composta por Giacomo Puccini a principios do século XX, contén os ingredientes máis propicios para o drama: amor, engano, traizón… e morte. Todo iso, ademais, aderezado polo exotismo do imperio do sol nacente, da súa xente, da súa tradición e da súa cultura, que se contrapón ao poder do invasor occidental.