500 palistas participarán no 49 Descenso do Miño, que celebra a segunda edición do descenso popular.
As augas do río Miño acollerán unha nova edición -será a cuadraxésimo novena- edición do Descenso do Río Miño, unha proba puntuable para as ligas galegas de piragüismo, e que reunirá a 500 deportistas de 40 clubs de España e Portugal o vindeiro 24 de xuño.
A proba, presentada no salón de plenos municipal, desenvolverase nos 17’5 quilómetros que separan Os Peares do encoro de Velle. Paralelamente, terá lugar a segunda edición do Descenso Popular desde Barra de Miño. “Esta oportunidade de vivir o río é algo que non deberiamos desaproveitar”, dicía o alcalde de Ourense na presentación, “quen o fixo algunha vez, quen percorreu os case 8 quilómetros entre Barra de Miño e Velle, sabe que é unha experiencia inesquecible”.
As augas do río Miño (das que recollemos “o 75% da auga que consumimos os ourensáns”, en palabras de Ana Tejeiro, representante de Viaqua -patrocinador do evento-) acollerán, ao longo do día o descenso federado e o afeccionado, no que haberá probas de iniciación ao piragüismo para menores (10/17 anos) e descenso do río para maiores de idade.
O alcalde, acompañado do concelleiro de Deportes, Mario Guede, e dos representantes da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, e da Escola Municipal de Piragüismo, José Luís González ‘Chelis’, animou a todos os ourensáns para que, “coincidindo co inicio das festas patronais de Ourense, participamos nestas dúas probas deportivas que nos obrigarán a mirar cara ao río Miño dunha forma diferente”.
No estritamente deportivo, o maior reto será o de rebaixar o récord do ano pasado de 1 hora e tres minutos e cubrir a distancia total na categoría senior, proba cuxa saída está prevista para as 17:30 horas.