Non paran as presentacións na Unión Deportiva Ourense. Nesta ocasión tocou unha nova fichaxe e unha renovación: Omar que continuará vestindo a elástica unionista, e Josu que regresa ao Couto despois de que se marchara cando desapareceu o CD Ourense.
Omar que aterreou no equipo en mitad de tempada cando militaba este na Segunda Rexional, mostrabase ilusionado con esta renovación. O centrocampista, que tivo problemas de lesións prepararase para facer un traballo específico para «deixar atrás» os problemas físicos. Para elo, xa ten falado co que será o preparador físico, Toni.
Para o xogador, a plantilla que está a confeccionar a UD Ourense é «espectacular» e é «unha honra formar parte do equipo», afirmaba Omar. Nacho Currás, segundo adestrador confía en que volva a ser «o Omar que algúns coñecemos», en alusión a recuperarse dos seus percances coas lesións que nos últimos tempos o tiñan máis afastado dos terreos de xogo que a el lle gustaría.
Josu
E un dos nomes propios deste ano será o de Josu. O lateral regresa ao Couto por primeira vez desde que desaparecera CD Ourense. O «gran capitán» está ilusionado co proxecto. Na presentación asegurou que lle motiva máis «xogar no Couto que facelo no Vao -campo do Coruxo, equipo de onde chega-«. Ademais explicou que no Coruxo o tope era estar en metade da táboa en Segunda B e que aqui (na UD Ourense) «ambicionamos ascender». Outro motivo polo que se decidiu dar o paso foi o respaldo social. «No Vao xogabamos diante de 50-60 persoas, e aquí o faremos ante máis de mil», aseguraba o xogador. Josu só tiña en mente xogar ou na Unión ou marchar ao estranxeiro para mellorar no inglés, aínda que ao ter esta opción «non mo pensei», afirmou na súa presentación.
Tanto o presidente, Modesto García, coma o segundo adestrador, Nacho Currás, o definiron como «o gran capitán de CD Ourense». Un «ourensanista de cuna» para o presidente, e un reclamo «para que a xente se faga socia», para o adestrador.
Para Josu, este proxecto pode ser mellor que o do desaparecido CD Ourense; «aprender dos erros» e «ao non ter débedas é moito mellor» foron dúas das frases que deixou o lateral para explicalo.