A Comisión Técnica do Móvete por Ourense, o proceso participativo para a mellora da calidade ambiental, pacificación do tráfico e inclusión da bici no casco urbano de Ourense, integrada por representantes de todos os grupos políticos con representación no Concello de Ourense, técnicos de Infraestruturas e de Medio Ambiente, ademais da consultora de arquitectura e de urbanismo Urba+, valorou esta mañá as solicitudes para integrar o Grupo Motor. En total, foron 30 as solicitudes nesta primeira convocatoria.
Ademais das 16 asociacións e colectivos -de carácter medioambiental, sindical, veciñal, lúdico, cultural ou de mobilidade- anotados, houbo 14 cidadáns que se ofreceron de forma individual a formar parte deste grupo motor. A idea da Comisión Técnica é que este grupo de traballo estea integrado por un máximo de 40 persoas que se reunirán de xeito periódico para que, en función da potestade, interese, grao de afección, influencia ou simplemente interese, acheguen propostas para implementar medidas que fagan de Ourense unha cidade máis amable cos peóns, ambientalmente máis sostible e cun tráfico máis humanizado.
Este grupo motor encargarase de recoller as propostas e de dinamizar outros subgrupos que traballen dunha forma máis focalizada, e permanecerá sempre aberto a futuras incorporacións.