Do 4 ao 7 de xullo Celanova acolle a 14ª edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC). O seu programa inclúe relatorios de destacados profesionais do sector, proxeccións, unha master class de cámara e dirección de fotografía e a presentación do proxecto de curtametraxe da nova entrega do taller Celanova, plató de ficción.
Medio centenar de alumnos participarán neste encontro, configurado como un curso de verán de extensión universitaria e organizado pola Fundación Carlos Casares xunto co Concello de Celanova, a Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia.
Baixo o título A obra audiovisual. Suma de talentos, esta décimo cuarta edición centrarase en analizar as singularidades e a multidisciplinariedade da diferentes achegas profesionais que fan posible a creación dun produto audiovisual, desde a preprodución á súa presentación en público.
O programa do XIV Curso de Medios Audiovisuais de Celanova tomará como caso de estudo o filme Dhogs, do director Andrés Goteira, para debullar con parte do seu equipo o desenvolvemento dunha produción independente desde o guión, a produción, a dirección, o reparto, a fotografía, a iluminación, a montaxe ou a música.
Así mesmo e de acordo co seu carácter multidisciplinar, o CeMAC 2017 porá o foco no fenómeno dos youtubers, unha das modalidades audiovisuais que, como sinala o programa, “máis se achega á excepción na norma do audiovisual como obra colectiva”.
Carlos Casares e o cine
Nesta edición tamén haberá lugar para abordar a interesante relación co cinema de Carlos Casares, no ano en que se lle dedicou o Día das Letras Galegas.
Como actividades complementarias, organizarase un concerto do grupo The Riggos e presentarase o resultado do taller Celanova, plató de ficción, que este ano alcanzou a súa oitava edición. Trátase dunha experiencia dirixida aos alumnos de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación de Pontevedra, que ten como obxectivo a presentación dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado.