O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín; e o alcalde de Bande, José Antonio Armada, asinaron un convenio de colaboración para completar o acondicionamento das marxes do río Badella ao seu paso polo núcleo urbano de Bande, actuacións que supoñen un investimento que ascende aos 295.000 euros.
Estas actuacións serán sufragadas nun 80% pola CHMS e o 20% restante pola Deputación de Ourense, mentres que o Concello de Bande comprométese a conseguir os terreos necesarios para a execución das obras.
O presidente do goberno provincial sinalou que o convenio asinado “materializa un compromiso interadministrativo en tres niveis territoriais: local, provincial e nacional, que ten como obxectivo unha actuación de carácter medioambiental relacionada coa riqueza dos nosos ríos, concretamente co acondicionamento das marxes do río Badella”, e destacou “a importancia da cooperación entre administracións para levar a cabo este tipo de actuacións, que forman parte dunha serie de obras que facemos coordinadamente coa Confederación Hidrográfica e con concellos da provincia, nunha aposta por seguir mellorando o medio ambiente do noso territorio”.
O alcalde de Bande agradeceu á Deputación de Ourense e á CHMS o seu compromiso polo protección medioambiental da contorna, unhas actuacións que para Bande significan achegar o río Badella á poboación do municipio. Jose Antonio Armada agradeceu a colaboración dos veciños “para que este proxecto se leve a cabo, coa cesión dos terreos, que en moitos casos se fixo de xeito gratuíto”.
Francisco Marín expresou que con esta actuación “acadamos a recuperación ecolóxica e social de todo o tramo urbano do río Badella, garantindo a conservación dos valores ambientais ligados a esta canle e asegurando a súa integración na ordenación da poboación.
En febreiro de 2015 a CHMS concluía a primeira fase do proxecto de acondicionamento que xurdiu co obxectivo de resolver o alto grao de degradación ambiental que presentaba o río Badella ao seu paso por este núcleo. A través deste proxecto restaurouse un tramo dun quilómetro de lonxitude e abriuse unha senda fluvial pola súa marxe dereita, recuperando de xeito moi eficaz este espazo para o uso cidadán, actuación cofinanciada con cargo aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do período 2007 a 2013.
O proxecto
O obxectivo desta nova actuación é a continuación do proxecto anterior, para obter un corredor fluvial natural, no que se compatibilice a restauración e rehabilitación do bosque de ribeira coa consolidación do dominio público hidráulico, a través de sendas peonís que faciliten o mantemento da zona e permitan o uso público da mesma.
Acondicionarase un tramo de aproximadamente 800 metros de lonxitude desde a rúa Hermanos Martínez, á altura do matadoiro municipal, ata unha pista forestal que cruza o río e que se comunica coa estrada OU-540, co obxectivo de conseguir unha xeometría homoxénea e un pavimento uniforme que permita un uso confortable e seguro para conseguir unha senda peonil de 1,8 quilómetros de lonxitude. Construirase, ademais, unha escaleira de baixada á canle no punto intermedio. Como complemento a estas actuacións procederase á revexetación do entorno con especies autóctonas e á colocación de sinalización ambiental no tramo. O prazo de execución das obras estímase en 6 meses.