Entre os días 6 e 15 de Xullo disputouse o Aberto Internacional “Villa de Benasque”, no incomparable marco do pirineo oscense, unha fermosa vila de montaña que dende hai décadas ten internacionalmente gañado o apelativo de “Wimbledom do xadrez”, xa que reúne, nesos dez días, ata medio millar de xadrecistas procedentes de ata 34 países, que acuden con elevadas doses de ilusión, uns a tentar medirse con reputadas figuras do taboleiro internacional, outros, máis experimentados, a pelexar polos suculentos e numerosos premios en metálico e incluso, nalgúns outros casos, simplemente a participar do espectáculo como espectadores ou acompañantes, deixando para vindeiras edicións iso de atreverse co seu debut nas 64 casiñas.
Nesta XXXVI edición do “Villa de Benasque” (un número de edicións que se pronuncian igual de rápido que as 42 que alcanza o “Open Internacional de Sitges” ou as 33 que alcanzará o noso “Open Aninovo Barrocás” o vindeiro nadal…), o nivel dos principais aspirantes era colosal, ata unha trintena de Grandes Mestres, seis deles por riba dos 2600 (puntuación de ránking que xa podería permitir a algún dos que a ostentan soñar con poder atacar o olimpo dos máis grandes do planeta, como Carlsen, Giri ou Caruana), e máis dun centenar de titulados internacional entre Mestres Internacionais, Mestres Fide, etc…
Nesta cita de 2017, o xoven xadrecista ourensán, Adrián Gómez Diéguez, viaxou ata terras oscenses co fin de tentar ratificar a súa magnífica progresión da última tempada, e tras dez días de intensa competición as cousas poden calificarse de “notable alto” para Adrián, tras conquistar 6.5 puntos dos 10 en litixio, realizando unha actuación coa que acariciou a súa primeira norma de Mestre Internacional, obtendo ata 1.5 sobre 3 puntos posibles, ante Grandes Mestres, e tamén 1.5 sobre 3 ante Mestre Internacionais, vencendo en importantes partidas como a que o enfertou con pezas negras ante o G.M. Aberguer Thal.
Adrián rematou igualado no posto 42º, (sobre 471 participantes), e como importante dato hai que reseñar que ata 56 titulados internacionais remataron en postos inferiores ao xoven xadrecista ourensán, que tras esta cita pirenaica, suma 29 puntos de ránking, que unidos aos 2232 que ostenta, o achegan a menos de corenta dos 2300 necesarios para obter o codiciado título de Mestre FIDE, titulación que o convirtiría, con permiso do Gran Iván Salgado, no primeiro xadrecista íntegramente formado en Ourense en acadar unha titulación internacional de Mestría.