Como novidade, este ano destaca a "Batucada Electrónica” programada para a tarde e noite do venres 28 (19:30 – 3:00 horas).

Batucada en Verín os días 28 e 29 de xullo

O 28 e 29 Xullo Verín vivirá dúas xornadas de música, auga e festa para toda as idades na Batucada de Verín 2017. Así o confirmou esta mañá ante os medios Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos.

A festa comeza o venres ás 11:00 horas co “Desfile da Ludoteca Especial Batucada” que este ano con temática do espazo, fará un percorrido circular desde o CEIP Amaro Refojo por Laureano Peláez, Praza do Concello, Praza da Mercé, Rúa dá Cruz e Praza García Barbón, para terminar coa tradicional “Festa Infantil da Ludoteca”, ás 12:00 horas, no CEIP Amaro Refojo.

Pola tarde, de 16:30 a 19:30 horas, os máis pequenos gozarán cunha gran festa de inchables de terra coa “Festa Infantil na Praia Fluvial de Verín coa animación musical a cargo de Saudeter.

Nesta edición da Batucada, o Concello programa actividades diferentes dirixidas a todos os públicos, “A Batucada é unha festa viva e en constante renovación, por iso, desde a concellería de Cultura cada ano introducimos novidades”, explicou Somoza. Entre estas novidades destaca a «Batucada Electrónica” programada para a tarde e noite do venres 28 (19:30 – 3:00 horas). O obxectivo desta xornada é abrir de novo unha porta a un tipo de música que sempre estivo presente na nosa vila, pero que cos anos foi perdendo forza. “Pretendemos levantar a de novo a curiosidade cultural sobre o xénero, chegar a xente coa historia que hai detrás de cada sesión, que se forma entre cada mezcla” explicou Somoza. Igor B e Mind Achives (19:30 a 22:00 horas) forman parte do elenco da primeira parte do evento e pechan o cartel Viktor Flores, Malaguita, Fon Kid e Southear (23:30 a 3:00 horas).

Como non podería ser doutra maneira, a auga e a espuma serán os principais protagonistas da batucada. O sábado 29, ás 17:30 horas , celebrarase na Praza García Barbón, coa animación a cargo de ENJOY – Disco Móbil Jorge, a gran “Festa da escuma e da auga”. Ás 19:00 horas, comezará o “Desfile Pasa-Rúas da Batucada” que sairá da Praza Maior e continuará pola rúa Lisa, Avenida de Portugal, Montemaior, Laureano Peláez, Irmáns Moreno rematando no Pavillón dos Deportes de Verín. Este ano, o desfile contará coa presenza da batucada Xituma Batuke chegada dende Xinzo de Limia.

Xa por último, o grupo «Garibaldi», cun impresionante espectáculo de acrobacias e dous compoñentes de orixe verinés, chegan o sábado pola noite a Verín para ofrecer unha entretida velada na Praza García Barbón a partir das 00:00 horas.

Emilia Somoza quixo facer especial fincapé en que “este ano, reduciranse as horas de auga por mor da seca que estamos sa sufrir. Sabemos que a auga é o espírito principal desta festa e manteremos un mínimo de litros para que os asistentes podan gozar desta popular celebración. Sempre priorizando, coma non podería ser de otra maneira, o noso compromiso co medio ambiente”.

Doutra banda, Somoza explicou que, coma o ano pasado, manterase o acordo cos hostaleiros para evitar o conflitivo uso de vasos de cristal na Batucada e evitar altercados. “Ofrecemos aos establecementos a oportunidade de instalar barras na rúa para que poidan servir bebidas en vasos de plástico”.

MERCHANDISING BATUCADA 2017
Emilia Somoza confirmou tamén que, a partir da próxima semana, estarán á venda na tenda oficial da Batucada (Praza García Barbón) as camisetas e fundas impermeables oficiais da batucada 2017 – en horarios de 18:00 a 21:00 horas -cos seguintes prezos:
– Camisetas: 10 euros
– Fundas impermeables: 3 euros
– Mochilas: 3 euros