Máis de 500 gaiteiros de Galicia, Castela-León e Alemaña participarán os vindeiros 29 e 30 de xullo, na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, no VIII Certame celtibérico de bandas de gaitas “Memorial Gabino García”, un evento promovido pola Deputación de Ourense e organizado polo Concello de Manzaneda coa colaboración da Xunta de Galicia e Oca Nova Manzaneda.
O evento é un certame que a Deputación de Ourense ven organizando dende o ano 1991, inicialmente como Campionato Provincial de Bandas de Gaitas, logo como Campionato Nacional de Bandas de Gaitas, posteriormente como Liga Galega de Bandas de Gaitas e dende hai sete anos como Certame celtibérico de bandas de gaitas.
Xosé Lois Foxo destacou do programa que o día 29 de xullo terá lugar a celebración da “Noite Celta”, na que actuarán os gaiteiros alemás con Marco Foxo, e tamén participarán as Cantareiras da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e a Real Xuvenil. “Este ano achegamos unha visión especial das gaitas de centroeuropa, e teremos tamén un recoñecemento ao Centro Galicia de Ponferrada”, expresou Foxo. O alcalde de Manzaneda agradeceu “o apoio da Deputación de Ourense e o traballo que ao longo de tantos anos ten desenvolvido do director da Real Banda de Gaitas”, e Gustavo Sanmartín dixo que durante dous días “os visitantes poderán gozar de dúas xornadas de música, gastronomía e tradicións nesta contorna de montaña, rodeados de folclore”.
Trala celebración da “Noite Celta”, o sábado ás 22.00 horas, o domingo 30 de xullo terá lugar a celebración do certame, entre as 11.00 e ás 13.00 horas, coas actuacións das bandas de gaitas de Vilariño de Conso, Flariz, Preparatorio, Concello de Riós, Ladies Band e Municipal de Chantada, para seguir coa exhibición do Folión de Buxán (O Bolo), a actuación dunha representación do Centro Galicia de Ponferrada, a actuación de Liesa e Ulrich Künzelmann e o concurso de gaiteiros solistas, rematando coas actuacións das bandas de Monforte de Lemos e a Real Xuvenil.
Posteriormente, a partires das 13.20 horas, terá lugar unha ofrenda floral na memoria de Gabino García, acompañada pola Banda de gaitas do Concello de Manzaneda, para seguir coa entrega de medallas e a actuación conxunta de todos os gaiteiros e bandas participantes.