As obras, da Escola Oficial de Idiomas de Ourense, contan cun investimento de case medio millón de euros, cofinanciadas con fondos FEDER, e prevese que estean rematadas para o inicio do curso que vén. A superficie que se ampliará cífrase en 494 m2 e permitirá a creación de seis novas aulas e dun novo salón de actos.
O obxectivo desta actuación é dar resposta axeitada á cidadanía que desexe mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, visitaron as obras que se están a executar na Escola Oficial de Idiomas de Ourense e que se prevén estean rematadas entre os meses de setembro e outubro próximos. A directora do centro, Nancy Casielles, acompañounos no percorrido ás instalacións.
Cun investimento de 490.000 euros, as obras acometidas permitirán dotar á Escola de seis novas aulas e, segundo indicou a delegada territorial, atender así o interese por estes estudos na cidade. O obxectivo desta actuación é, por tanto, dar resposta axeitada á cidadanía que desexe mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras.
O edificio da Escola é de planta rectangular con aulas aos dous lados dun corredor central. A actuación deseñada consiste na ampliación do testeiro dese edificio, o que permitirá crear dúas novas aulas na planta primeira e outras dúas na planta segunda. Así mesmo, ampliarase tamén a planta baixa para albergar nese espazo de nova creación un novo salón de actos. Mentres, o salón de actos actual reformarase e dividirase en dúas aulas máis. En total, a superficie útil ampliada é de 481 m2 útiles.
A Escola Oficial de Idiomas de Ourense creada en 1987 imparte na actualidade os idiomas de alemán, francés, galego, italiano, portugués e chinés.