A Feira do Pemento de Oímbra, unha das festas gastronómicas máis importantes de Galicia, chega á súa vixésima edición, A de Oímbra, que é festa declarada de Interese Turístico de Galicia, celebrarase o domingo, 6 de agosto.
Este ano, ademais, a celebración conta co atractivo de ser a primeira vez que se envasa e comercializa o pemento baixo o amparo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Pemento de Oímbra”.
A feira terá lugar o vindeiro 6 de agosto na carballeira de Oímbra, ao carón das piscinas municipais e da Casa do Concello, onde se instalarán stands gastronómicos, de artesanía e de actividades relacionadas co mundo agrario, un recinto que acollerá ao longo do día actividades como un concurso de cociña, un xantar popular e degustación gratuíta de pementos, todo elo acompañado de actividades musicais e de lecer para nenos e maiores. Tamén se dará a coñecer un novo recetario co pemento de Oímbra como ingrediente principal.