O Concello de Ourense e Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, veñen de asinar un convenio de colaboración para o desenvolvemento dunha nova edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (20/27 de outubro). Ambas institucións consideran esencial o establecemento de accións conxuntas durante 2017 para afondar na promoción do sector audiovisual galego, polo que a Agadic destinará un total de 35.000 euros para esta edición.
O OUFF pasa por ser un dos eventos culturais de carácter competitivo máis importantes da nosa cidade e un dos máis destacados no ámbito galego, e o público pode gozar de producións cinematográficas non estreadas nos circuítos, de ciclos centrados en actores, directores e cinematografías de prestixio internacional que abrangue numerosas nacionalidades.
A de 2017 preséntase coma unha edición de perfeccionamento e avance nunha nova dirección iniciada en 2016: “un cambio de orientación do festival cara a unha maior especialización no cine iberoamericano para facerse eco da gran vitalidade da sétima arte en países como Arxentina, Chile, Colombia, Portugal, Brasil ou España”, segundo se recolle no convenio, pero tamén na intención de traer “novos nomes á programación, apostando por unha competición exclusiva para cineastas que encaran o reto do seu primeiro filme”.
O Festival de Cine, por toda a provincia
Porén, o convenio incide no compromiso co cine galego como unha das bases irrenunciables do festival, potenciando a súa presenza non só coa proxección de películas senón coa implicación directa da comunidade cinematográfica galega nas diferentes actividades do OUFF. Esta nova edición terá presenza en toda a cidade pero, cunha clara intención de descentralización, pretende expandirse por toda a provincia para posibilitar o acceso ás propostas do Festival ao maior número de espectadores posible.